Acompañados polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Reppeto, visitaron os edificios que albergarán as súas residencias artísticas durante tres meses.
As tres persoas seleccionadas, procedentes de Ourense, Cantabria e A Coruña, comezarán os seus proxectos multidisciplinares o vindeiro mes de febreiro.
As obras expoñen a creación dunha cancela artística nada da artesanía téxtil galega; unha intervención de pintura sobre teas de lino e unha instalación que une danza e bordado.

Os artistas multidisciplinares Álvaro Corral Cid, de Ourense; María Susinos Sancho, de Cantabria; e Marta Cuba García, de A Coruña coñeceron esta semana as instalacións do Coliving do Carme, unha vez que o xurado designado seleccionou os seus proxectos para ser os primeiros en desenvolver nas instalacións deste viveiro artístico municipal, as denominadas residencias artísticas. Na visita aos dous edificios do CAM estiveron guiados polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen salientou que “estamos a punto de comezar un proxecto artístico moi ambicioso, iniciado hai anos, co que imos poñer en valor o arte, a contorna natural de Lugo, o patrimonio rural e o Camiño Primitivo, desenvolvendo a actividade no primeiro coliving artístico municipal, que vai ser epicentro do talento e a creación cultural unido ao emprendemento artístico”.
As tres propostas, seleccionadas de entre 27 proxectos procedentes de toda España, expoñen a creación dunha cancela artística nada da artesanía téxtil tradicional galega; unha gran intervención de pintura sobre teas de lino e unha instalación que une danza e bordado. Os artistas valoraron moi positivamente “a residencia de tres meses, tempo suficiente para desenvolver os proxectos adecuadamente; a beca, que lles permite abordar esta proposta cultural; e a convivencia con outros e outras artistas, que lles poden servir para aproveitar sinerxías e ter un maior enriquecemento artístico e cultural”.
O edil Mauricio Repetto explicou ademais que “O CAM non é só unha residencia, senón que está concibido como un laboratorio de innovación social, onde a cultura enténdese como un motor de desenvolvemento económico sostible”.
Na visita ás instalacións da recuperada casa do pintor Gómez Pacios, os tres artistas seleccionados percorreron o edificio acristalado, que se destinará para traballo limpo; a casa principal, como espacio exclusivo de vivenda, e a zona de creación artística. Os tres becados terán titorías persoais quincenais, centradas no desenvolvemento profesional e na viabilidade dos seus proxectos. Ademais, dado que é a primeira promoción, os tres residentes xestionarán un suplemento de 500 euros para equipar o coliving municipal co enxoval necesario.
Hai que lembrar que o Coliving do Carme púxose en marcha grazas a un proxecto de fondos europeos, xestionados pola Concellería de Dinamización Económica, co obxectivo de fomentar as sinerxías artísticas, culturais e profesionais entre diferentes persoas, disciplinas e iniciativas, ao tempo que se dinamizaba o tecido artístico, social e empresarial, e a profesionalización dos axentes culturais.
Co respecto ao retorno social do que poden supoñer estes tres proxectos, o edil Mauricio Repetto sinalou que “ademais dese intercambio artístico e da posta en valor de elementos tan significativos para Lugo, como o Camiño Primitivo, a artesanía e o patrimonio artístico, está previsto que cada un dos tres artistas becados no CAM realice un mínimo de tres visitas a centros educativos ou asociacións e unha actividade aberta ao público, para compartir o seu proceso creativo.
Toda esta serie de intercambios e propostas artísticas abertas á sociedade, desenvolveranse a partir do 4 de febreiro, data na que está prevista a recepción oficial e pública destes tres primeiros artistas ao Coliving Artístico Municipal do Carme. Desta forma quérese dar visibilidade aos propios creadores, integrándolles no tecido cultural, artístico e veciñal da cidade.
Segundo explicou o edil de Dinamización Económica “as tres intervencións van supoñer un valor engadido non só para o Coliving municipal senón tamén para o Camiño Primitivo, para o noso patrimonio rural e artesanal, de xeito particular, e para a nosa cultura en xeral; estas residencias son emprendemento cultural de proxectos novos, con artistas galegos e tamén de fóra das nosas fronteiras, que terán ademais o apoio e o acompañamento para por en marcha novas iniciativas, a través do CEI Nodus, nese labor de titorización”.
Proxectos: artesanía téxtil galega, pintura sobre lino e danza
Desde Ourense, e da man do artista Alvaro Corral Cid, chegará o proxecto téxtil ‘Cancela Fermosista 01’. Trátase dunha idea que investiga os discursos de bordado e artesanía tradicional galega. Propón unha intervención in-situ no CAM, creando unha produción fabricada con bordado de fío de metal e abeloiro. Busca xerar un diálogo entre a arte e a artesanía tradicional galega. O obxectivo é explorar o patrimonio e as epistemoloxías tradicionais do territorio no Camiño Primitivo.
‘Lluvia templada’ é o título do proxecto da artista cántabra María Susinos Sancho, quen presenta un proxecto pictórico vinculado tamén coa expresión literaria. Busca explorar "espazos de ensoño", imaxinando unha pintura pluvial sobre liño, asociada á terra galega. Para desenvolver este proxecto artístico utilizará soportes vaporosos e complementará a pintura con papeis xaponeses e láminas de aluminio gravadas. O traballo é procesual, intuitivo e desenvolverase resolvendo cuestións a diario, integrando o contorno, empregando a pintura pero tamén a literatura.
Por último, desde A Coruña, chega a proposta ‘Venera’, ideada pola artista multidisciplinar Marta Cuba García. A súa idea presenta unha instalación na que terán cabida bordado e danza. ‘Venera’ baséase na comprensión do xardín como unha dimensión que une o humano co transcendente, separado por veos. Propón unha instalación con 12 teas bordadas a man e unha peza de danza-performance que transcorrerá ao seu redor. O concepto é un tránsito entre as tres dimensións do xardín, dando lugar a un proxecto moi vinculado ao contorno rural galego, que busca un diálogo interdisciplinar e a interacción comunitaria.
Audio
- O edil Mauricio Repetto, sobre o Coliving Artístico do Carme | Descargar mp3




