O Voceiro do Equipo de Goberno manifesta o máximo respecto co traballo da xustiza e a máxima colaboración e transparencia institucional

Mércores, 24 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro do equipo de Goberno municipal, José Rábade, manifestou hoxe o máximo respecto co traballo da xustiza e a máxima colaboración e transparencia institucional. Neste sentido, confirmou o rexistro efectuado onte, por parte da titular do Xulgado Número 3 de Lugo, Estela San José, do cuartel da Policía Local da cidade.

A xuíza solicitou na súa visita ao cuartel sancións anuladas e arquivadas nos últimos dous anos.

Tal e como explicou o voceiro do equipo de Goberno municipal, a xuíza contou, “en todo momento, como xa é habitual e seguirá sendo, coa máxima colaboración do Concello para desempeñar o seu labor”.

Así mesmo, destacou que o equipo de Goberno traslada a súa confianza plena na xustiza e no traballo responsable da xuíza. Explicou que o Concello vive unha situación de normalidade, tranquilidade e transparencia máxima no proceso aberto en relación co caso das multas, un caso baixo segredo de sumario.

Neste sentido, José Rábade agarda que as posibles irregularidades, de existir, sexan corrixidas para o que “seguimos” á disposición da xustiza. “Mantemos a forma de proceder do Concello neste tipo de actuacións: o respecto máximo ao traballo da xustiza, a confianza nesta, e a máxima colaboración e transparencia institucional”, resaltou.

Xunta de Goberno Local

José Rábade fixo estas declaración na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local na que se aprobaron un total de 3 licenzas de actividade e 15 licenzas de obra.

Multimedia

Noticias relacionadas