Lara Méndez: “Que estas letras saian á luz axudará a que nunca máis repitamos aquel episodio terrible, á reparación das vítimas e á reconciliación. O silencio non deixa cicatrizar as feridas. A recuperación da memoria, si”
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Franquismo organizaron en colaboración co Concello un acto que incluíu unha conferencia do escritor Xesús Alonso Montero

Daniel Álvarez Carnero, Perfecto Abelairas Castro, José Ramos López, Gregorio Sanz García, Marcelino Fernández Prada, Ramón García Núñez e Eusebio Cuesta. As súas vidas foron apagadas na represión política franquista coa prisión e a pena de morte. Hoxe, no Vello Cárcere, alí onde foron presos e condenados, volveron a cobrar voz da man dos seus familiares, actores e profesionais de distintos campos coa lectura pública das cartas de despedida que escribiron antes de morrer aos seus seres queridos. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto, participou no acto, organizado coa colaboración do Concello pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, con Carmen García Rodeja á cabeza, e a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
O encontro contou coa presenza dun cento de persoas, entre elas membros da Corporación municipal.
“Esta mesma mañá lin nun xornal un artigo sobre este acto que levaba por título: As letras que a dor non logrou aínda borrar. E non queremos que o faga. Nunca. Con estes encontros queremos precisamente que estas letras, estas cartas, estes sentimentos, estean vivos, saian á luz, para que nunca máis volvamos atrás, para que nunca máis repitamos aquel episodio terrible da nosa historia, para a reparación das vítimas e para a reconciliación. O silencio non deixa cicatrizar as feridas. A recuperación da memoria, si”, subliñou a rexedora.
“De aí a importancia desta lectura pública, coa que, despois de 81 anos, cobran voz aqueles que foron silenciados coa cárcere e asasinados coa pena de morte. Como sociedade, debemos coñecer a súa historia, a súa vida, o seu sufrimento, o deles e o dos seus seres queridos, para avanzar e consolidar a democracia e a unidade do noso país”, asegurou Lara Méndez.
Con música de acompañamento a cargo de Vadim Yucknevich, o acto de homenaxe aos represaliados polo franquismo comezou cunha conferencia do escritor Xesús Alonso Montero, para a continuación proceder á lectura de sete cartas de represaliados:
- Daniel Álvarez Carnero. Carta lida por María José Pérez Álvarez (familiar)
(Sober, 1903 / Lugo, 29-12-1936)
Veciño de Proendos e militante do PSOE. Foi concelleiro e tenente de alcalde na corporación municipal de 1936. En xullo foi elixido alcalde gubernativamente. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi detido o 4 de agosto, pasou polas prisións de Monforte de Lemos e Lugo. Foi xulgado por rebelión militar, por organizar partidas armadas, e condenado a pena de morte e indemnización con todos os bens. Executado en Lugo o 29 de decembro.
- Perfecto Abelairas Castro. Carta lida por Teresa Campo (asociación cultural)
(Lugo, 1907 / Lugo, 21-10-1936)
Practicante.
Natural de Lugo e practicante de profesión. Foi vogal do Partido Republicano Radical Socialista e secretario de actas do Partido Republicano Galego. Tamén pertenceu a Izquierda Republicana. Ingresou na prisión de Lugo en xullo de 1936 e foi executado en outubro dese ano.
- José Ramos López. Carta lida por Antonio Sampayo (asociación cultural)
(Bos Aires, 1911 / Lugo, 21-10-1936)
Mestre nacional, pertencente a FETE, e directivo en Lugo do POUM (Partido Obrero de Unificación Marxista). Delegado gobernativo no Courel. Xulgado en Lugo por traizón co resultado de sentenza a pena de morte e multa mancomunada de 1,5 millóns de pesetas. Executado en Lugo, o 21 de outubro de 1936, ás 18:00h.
- Gregorio Sanz García. Carta lida por Israel Barrera (profesor)
(Ayllón, Segovia, 4-1-1900 / Ribadeo, 1997)
Foi un mestre e dinamizador pedagóxico. Presidente da Asociación de Maestros Nacionales da UGT e secretario da Federación ribadense. Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi encarcerado o 24 de xullo no Depósito de Ribadeo, pasando despois ao cárcere de Lugo. Foi xulgado por auxilio á rebelión e condenado a 20 anos de prisión. Saíu en liberdade o 12 de marzo de 1941. Foi inhabilitado para o exercicio público.
- Marcelino Fernández Prada. Carta lida por Ana Fernández (asociación cultural)
(San Xulián, A Rúa, 20-9-1895 / Lugo, 8-6-1944)
Emigrante nos Estados Unidos, chegou a ser dono dun almacén de materiais de construción en San Clodio, en Ribas de Sil. Socialista, foi alcalde de Ribas de Sil de maio de 1931 a xullo de 1936. Xulgado por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Conmutación a cadea perpetua. En 1943, sae da cadea por prisión atenuada e morre ese mesmo ano.
- Ramón García Núñez. Carta lida por Pepe Seijo (xornalista)
(Vilagarcía de Arousa, 1907 / Lugo, 21-10-1936)
Funcionario do Banco de España en Vigo, de Izquierda Republicana e Gobernador Civil de Lugo desde o 4 de xullo de 1936, foi fusilado o 21 de outubro de 1936.
- Eusebio Cuesta. Carta lida por Manuel Cuesta (familiar)
(Monforte, 1904 / Lugo…)
Nacido en Monforte, albanel, foi detido o 20 de xullo de 1936 e levado á prisión de Monforte e de Lugo. Condenado a pena de morte e conmutada, pasa tamén polos penais da Coruña, Las Palmas e Yeserías. Sae de prisión en 1943.