A área de Olga López Racamonde impulsa unha nova convocatoria para apoiar o traballo das ONGD que loitan contra a desigualdade e promoven o desenvolvemento humano
As axudas financiarán proxectos internacionais e accións de sensibilización en Lugo, cun investimento total de 50.000 euros.
“A cooperación é unha mostra do compromiso de Lugo cunha sociedade máis xusta e solidaria”, destacou a concelleira de Cohesión Social.

A área de Cohesión Social do Concello de Lugo levará mañá á Xunta de Goberno Local a aprobación das bases das subvencións dirixidas a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD), cun orzamento total de 50.000 euros destinado a apoiar o labor solidario e o compromiso das entidades que traballan pola xustiza social e o desenvolvemento humano.
Os fondos distribuiranse en dúas liñas diferenciadas: 40.000 euros dedicaranse a proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento en países e territorios prioritarios, mentres que 10.000 euros se orientarán a accións de sensibilización e educación para o desenvolvementoque se realicen no propio municipio de Lugo.
O Concello de Lugo colabora co tecido asociativo e coas organizacións sociais a través de diferentes vías: subvencións, convenios de colaboración, cesión de espazos e o impulso do voluntariado.
Esta convocatoria enmárcase nese compromiso global da área de Cohesión Social por fortalecer o terceiro sector, promover a innovación social e apoiar proxectos que melloren a vida das persoas e o desenvolvemento comunitario.
As subvencións permitirán financiar iniciativas que promovan aigualdade de xénero, adefensa dos dereitos humanos, oacceso á saúde, áeducaciónou aodesenvolvemento sostible. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación e acreditar experiencia previa neste ámbito, ademais de presentar proxectos executables durante o exercicio 2025. O Concello poderá asumir ata o 90 % do custo total das actuacións, mentres que as organizacións beneficiarias achegarán o 10 % restante.
A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, explicou que “a cooperación internacional é unha mostra do compromiso de Lugo cunha sociedade máis xusta, pero tamén unha ferramenta educativa que nos axuda a comprender os desafíos comúns e a fomentar valores de solidariedade”.
López Racamonde destacou ademais que “as ONGD de Lugo desenvolven un traballo fundamental, moitas veces discreto, pero de enorme impacto, e merecen o apoio das institucións públicas para continuar achegando esperanza e oportunidades a quen máis o necesita”.
A responsable da área subliñou que “estas axudas reafirman a aposta do Concello por unha política de cooperación coherente e estable, que combina o apoio á acción internacional coa sensibilización social no noso territorio”.
Audio
- A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre os proxectos de cooperación e sensibilización social das ONGD | Descargar mp3

