Cohesión Social avanza nas necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración

A edil desta área, Olga López Racamonde, estase a reunir con varios colectivos sociais para dar resposta ás principais reivindicacións e favorecer a divulgación do seu traballo.

As accións máis inmediatas inclúen unha xornada informativa sobre familias de acollida; a procura de dependencias públicas para un cambiador adaptado e de espacios para o mural do donante. 

López Racamonde xa mantivo encontros con cinco asociacións, nunha rolda de reunións que continúa aberta para manter contacto directo con colectivos do eido asociativo.

Martes, 20 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cohesión Social avanza nas necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración

A Área de Cohesión Social do Concello de Lugo está a avanzar na consecución de varias necesidades e reivindicacións trasladadas por distintos colectivos sociais de Lugo. Así o comunicou a edil desta concellería, Olga López Racamonde, quen está en plena rolda de reunións coas organizacións e asociacións que traballan no eido do benestar social e a integración. A raíz de ditos encontros, acordou entre outras medidas realizar unha xornada informativa sobre familias de acollida; a procura de espacios en dependencias municipais para instalar un cambiador adaptado ou a procura de localizacións nos que desenvolver un mural que renda homenaxe á figura do donante. Estes son algunhas das cuestións que se están a pechar coas asociacións de índole social e de saúde que operan na cidade, nunha rolda de reunións que continuará durante as próximas semanas para intentar dar resposta as principais necesidades.

ACOUGO: A instancias da propia Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo, o Concello de Lugo decidiu poñer en marcha unha xornada informativa coa que, por unha banda, dar difusión á figura das familias de acollemento e por outra reverter a situación da Lugo, unha das urbes galegas que menos acolle. Con esta reunión informativa búscase ese cambio  ademais de difundir a actividade que desenvolve Acougo e apostar por este tipo de asistencia fronte a outros tipos de estancias en centros de acollida, que prevé a administración autonómica unha vez que os nenos e nenas pasan a depender do sistema de protección de menores. Dita xornada informativa terá lugar o día 27 de maio, no Centro de Convivencia de Fingoi, a partir das 18.00 horas. Estará moi enfocada a familias interesadas en ser núcleos de acollida e ás características que deben cumprir para ser familias de acollemento. Neste sentido, a edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde fai fincapé en que "como administración temos a obriga de apostar polo acollemento familiar, para que as e os menores crezan nun entorno o máis seguro e afectivo posible, e que lles facilite un maior soporte despois de cumprir os 18 anos, fronte a outro tipo de solucións, creo que menos eficaces como os centros de menores".

ALCER: Outra das reunións mantidas nas últimas datas foi coa Asociación para a loita contra as enfermidades do ril en Lugo, Alcer. Tamén con este colectivo se atendeu a solicitude de cambio de cartel da Casa Clara Campoamor, as instalacións municipais que cede o Concello de Lugo para a sede desta asociación, que estaba a ter problemas coas entregas postais. Ademais, acordouse que o Concello de Lugo financiará un mural dun artista lucense, co que render unha homenaxe á figura do donante, tan importante no tratamento das enfermidades do ril.  Neste sentido, a área de Cohesión Social traballa na procura de paredes nas que levar a cabo esta obra de arte urbana, para o que se solicitou unha das paredes do CIS, no barrio da Residencia, aínda que tamén se está a barallar unha das fachadas que hai fronte á farmacia Lavandeira, na avenida da Coruña.

ALUCEM: Mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por Esclerose Múltiple e a dos seus familiares e persoas de referencia é un dos obxectivos da Alucem, a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, coa que tamén se reuniu a concelleira Olga López Racamonde. Unha das súas principais solicitudes, que xa se atendeu foi a mellora do sistema de acondicionamento de frío no ximnasio da Casa Clara Campoamor, na que tamén ten a súa sede este colectivo. De eito, atendendo a súa petición a pasada semana instalouse nestas dependencias municipais un acondicionador de aire frío.

ASPACE: A Asociación de Parálise Cerebral de Lugo está a traballar en varios eidos para prestar servizos e apoios adecuados en cada etapa vital da persoa afectada, independentemente do seu grao de autonomía. Unha das súas últimas reivindicacións, na que xa está a traballar a área de Cohesión Social do Concello de Lugo, é a procura dun espacio dentro de dependencias municipais para a instalación dun cambiador adaptado. Polo de agora se están a estudiar a opción máis idónea entre as distintas alternativas, como o Parque Rosalía, a Praza Maior e baixo o quiosco da música desta mesma praza. A instalación desta dotación, para o que se precisa dunha superficie duns 40 metros cadrados, suporá que Lugo sexa a segunda cidade galega, despois de Pontevedra, en contar con esta cambiador adaptado. Ademais, dentro das reivindicacións de Aspace, o Concello de Lugo está a realizar un informe sobre a accesibilidade no auditorio Fuxan os Ventos.

ADACE: Coa asociación de Dano Cerebral Adquirido se chegou ao compromiso de solicitar unha reunión a tres bandas entre Concello de Lugo, Deputación e Xunta de Galicia para impulsar a consecución dunha nova sede para a asociación, que no seu centro de día atende a unhas 20 persoas, aínda que presta asistencia con obradoiros, programas de autonomía persoal e actividades de ocio a unhas 50 persoas ao mes. Para a edil encargada de Benestar Social e Maiores “Adace precisa dun local de máis superficie. É unha necesidade totalmente lexitimada pola xente que atenden diariamente nos seus distintos servizos; pola alta incidencia de Dano Cerebral Adquirido (DCA) e polo o incremento que está a experimentar esta patoloxía”, sinala López Racamonde.

Audio

  • Olga López Racamonde, sobre as necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración | Descargar mp3

Multimedia

  • Cohesión Social avanza nas necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración
  • Cohesión Social avanza nas necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración
  • Cohesión Social avanza nas necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración

Noticias relacionadas