Cohesión Social avanza nas necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración
A edil desta área, Olga López Racamonde, estase a reunir con varios colectivos sociais para dar resposta ás principais reivindicacións e favorecer a divulgación do seu traballo.
As accións máis inmediatas inclúen unha xornada informativa sobre familias de acollida; a procura de dependencias públicas para un cambiador adaptado e de espacios para o mural do donante.
López Racamonde xa mantivo encontros con cinco asociacións, nunha rolda de reunións que continúa aberta para manter contacto directo con colectivos do eido asociativo.
- Tema
- Benestar social,
- Asociacións sociais,
- Desenvolvemento social

A Área de Cohesión Social do Concello de Lugo está a avanzar na consecución de varias necesidades e reivindicacións trasladadas por distintos colectivos sociais de Lugo. Así o comunicou a edil desta concellería, Olga López Racamonde, quen está en plena rolda de reunións coas organizacións e asociacións que traballan no eido do benestar social e a integración. A raíz de ditos encontros, acordou entre outras medidas realizar unha xornada informativa sobre familias de acollida; a procura de espacios en dependencias municipais para instalar un cambiador adaptado ou a procura de localizacións nos que desenvolver un mural que renda homenaxe á figura do donante. Estes son algunhas das cuestións que se están a pechar coas asociacións de índole social e de saúde que operan na cidade, nunha rolda de reunións que continuará durante as próximas semanas para intentar dar resposta as principais necesidades.
ACOUGO: A instancias da propia Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo, o Concello de Lugo decidiu poñer en marcha unha xornada informativa coa que, por unha banda, dar difusión á figura das familias de acollemento e por outra reverter a situación da Lugo, unha das urbes galegas que menos acolle. Con esta reunión informativa búscase ese cambio ademais de difundir a actividade que desenvolve Acougo e apostar por este tipo de asistencia fronte a outros tipos de estancias en centros de acollida, que prevé a administración autonómica unha vez que os nenos e nenas pasan a depender do sistema de protección de menores. Dita xornada informativa terá lugar o día 27 de maio, no Centro de Convivencia de Fingoi, a partir das 18.00 horas. Estará moi enfocada a familias interesadas en ser núcleos de acollida e ás características que deben cumprir para ser familias de acollemento. Neste sentido, a edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde fai fincapé en que "como administración temos a obriga de apostar polo acollemento familiar, para que as e os menores crezan nun entorno o máis seguro e afectivo posible, e que lles facilite un maior soporte despois de cumprir os 18 anos, fronte a outro tipo de solucións, creo que menos eficaces como os centros de menores".
ALCER: Outra das reunións mantidas nas últimas datas foi coa Asociación para a loita contra as enfermidades do ril en Lugo, Alcer. Tamén con este colectivo se atendeu a solicitude de cambio de cartel da Casa Clara Campoamor, as instalacións municipais que cede o Concello de Lugo para a sede desta asociación, que estaba a ter problemas coas entregas postais. Ademais, acordouse que o Concello de Lugo financiará un mural dun artista lucense, co que render unha homenaxe á figura do donante, tan importante no tratamento das enfermidades do ril. Neste sentido, a área de Cohesión Social traballa na procura de paredes nas que levar a cabo esta obra de arte urbana, para o que se solicitou unha das paredes do CIS, no barrio da Residencia, aínda que tamén se está a barallar unha das fachadas que hai fronte á farmacia Lavandeira, na avenida da Coruña.
ALUCEM: Mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por Esclerose Múltiple e a dos seus familiares e persoas de referencia é un dos obxectivos da Alucem, a Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, coa que tamén se reuniu a concelleira Olga López Racamonde. Unha das súas principais solicitudes, que xa se atendeu foi a mellora do sistema de acondicionamento de frío no ximnasio da Casa Clara Campoamor, na que tamén ten a súa sede este colectivo. De eito, atendendo a súa petición a pasada semana instalouse nestas dependencias municipais un acondicionador de aire frío.
ASPACE: A Asociación de Parálise Cerebral de Lugo está a traballar en varios eidos para prestar servizos e apoios adecuados en cada etapa vital da persoa afectada, independentemente do seu grao de autonomía. Unha das súas últimas reivindicacións, na que xa está a traballar a área de Cohesión Social do Concello de Lugo, é a procura dun espacio dentro de dependencias municipais para a instalación dun cambiador adaptado. Polo de agora se están a estudiar a opción máis idónea entre as distintas alternativas, como o Parque Rosalía, a Praza Maior e baixo o quiosco da música desta mesma praza. A instalación desta dotación, para o que se precisa dunha superficie duns 40 metros cadrados, suporá que Lugo sexa a segunda cidade galega, despois de Pontevedra, en contar con esta cambiador adaptado. Ademais, dentro das reivindicacións de Aspace, o Concello de Lugo está a realizar un informe sobre a accesibilidade no auditorio Fuxan os Ventos.
ADACE: Coa asociación de Dano Cerebral Adquirido se chegou ao compromiso de solicitar unha reunión a tres bandas entre Concello de Lugo, Deputación e Xunta de Galicia para impulsar a consecución dunha nova sede para a asociación, que no seu centro de día atende a unhas 20 persoas, aínda que presta asistencia con obradoiros, programas de autonomía persoal e actividades de ocio a unhas 50 persoas ao mes. Para a edil encargada de Benestar Social e Maiores “Adace precisa dun local de máis superficie. É unha necesidade totalmente lexitimada pola xente que atenden diariamente nos seus distintos servizos; pola alta incidencia de Dano Cerebral Adquirido (DCA) e polo o incremento que está a experimentar esta patoloxía”, sinala López Racamonde.
Audio
- Olga López Racamonde, sobre as necesidades das asociacións lucenses que traballan no eido no benestar e a integración | Descargar mp3 [1]
