O Vello Cárcere expón a súa memoria histórica dende este venres nunha triple mostra

A exposición O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra está composta por  un libro de memorias, notas e cartas dos presos ás familias, entre outros. Tamén forma parte dela a recreación dunha cela individual na época da guerra

13 artistas repensan dende a actualidade o Vello Cárcere. Para iso, a mostra Dende o panóptico: cada cela unha fiestra, que reúne por primeira vez unha serie de traballos de diferentes figuras da arte galega

Para recuperar a memoria das mulleres antifascistas borradas da historia, o módulo feminino acollerá a exposición itinerante Vermellas (Chamábanlles rojas). Componse de 20 paneis con textos

Sábado, domingo e luns haberá visitas guiadas polo Vello Cárcere e as súas exposicións. É preciso inscribirse previamente na recepción deste centro ou no teléfono 982-29-71-95

Mércores, 26 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere expón a súa memoria histórica dende este venres nunha triple mostra

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, Carmen García-Rodeja, e a coordinadora da exposición O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra, Cristina Fiaño, presentaron hoxe esta mostra, que se inaugurará este venres, ás 20:00 horas, nun acto dirixido, principalmente, aos familiares dos represaliados, e que estará aberta á cidadanía dende o sábado. O seu obxectivo é contribuír á recuperación da memoria histórica do espazo, á dignificación das súas vítimas durante o período da guerra á posguerra, e á reflexión sobre este antigo lugar de represión dende distintas miradas actuais. Completan esta exposición dúas mostras máis, Dende o panóptico: cada cela unha fiestra e Vermellas.

O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra trátase dunha exposición, que acollen as celas anexas ao patio, coa que quere reivindicarse a necesidade de facer dun lugar testemuñal un espazo de memoria, onde se ten en conta que o valor do edificio vai ligado á sua historia e ao conxunto de memorias das víctimas e de toda a sociedade afectada polos procesos traumáticos vividos arredor dela, tal e como explicou Basadre.

A mostra conta como co golpe de estado de 1936 este cárcere, pensado para 140 reclusos, chega a albergar 900 persoas. Dende este momento ata finais de 1940, e segundo os datos aportados pola historiadora María Jesús Souto, rexistráronse máis de cinco mil ingresos nesta prisión por motivos políticos. Esta masiva afluencia de persoas que entraban en prisión fixo que a vida no cárcere durante a guerra e a posguerra se vise marcada polo amoreamento. Ademais, a falta de espazo e de recursos propiciaba que a hixiene e a comida fosen aínda peores que nunha situación normal. Tamén, dise que a humidade que había no edificio o convertían nun dos peores porque propiciaba a proliferación de enfermidades respiratorias e outras afeccións que incluso chegaban a derivar na morte.

Grazas ao material conservado en distintos arquivos e polos familiares, a través deste mostra, chegarase máis intimamente á situación dos reclusos e das reclusas desta época. O libro de memorias escrito polo mestre Gregorio Sanz, as notas intercambiadas polos presos, as cartas escritas á familia ou mesmo obxectos elaborados na propia prisión son algúns dos materiais que conforman a exposición, da que tamén formará parte a recreación dunha cela individual na época da guerra, unha instalación sonora e un memorial cos nomes dos presos políticos que ingresaron no cárcere dende o alzamento militar de 1936 ata finais do anos 1940, e que debemos aos minuciosos traballos de investigación sobre a represión en Lugo feitos pola historiadora María Jesús Souto Blanco xa nos anos noventa. Esta mostra non quere amosarse cun discurso pechado, senón como un proxecto contanuo de loita, por iso se habilitou un enderezo electrónico a través do cal toda persoa que dispoña de información e material poida dara a coñecer. Será a través do memoriadovellocarcere@gmail.com.

22 celas que repensan dende a actualidade o Vello Cárcere

Da concepción desta exposición sobre memoria histórica xurde a necesidade de repensar dende a actualidade un espazo de represión como o Vello Cárcere de Lugo. Para iso, a exposición interdisciplinaria titulada Dende o panóptico: cada cela unha fiestra, reúne por primeira vez unha serie de traballos de diferentes figuras da arte galega e peninsular ao convidar a trece artistas de recoñecida traxectoria a dialogar co espazo carcerario e coa súa memoria a través de obra escollida ou elaborada de maneira específica para este lugar.

A angustia e o lento paso do tempo, a memoria dos muros e o espazo de reclusión, os desaparecidos e os refuxiados como novas vítimas de represión, o son e a luz, a penitencia e incluso a idea da fuga son algúns dos fíos conductores que comunican as vintedúas celas intervidas por Mónica Alonso, Clemente Bernad, Misha Bies Golas, Pedro G. Romero, Patricia Gómez e MªJesús González, Ramón Mateos, Tatiana Medal, Berio Molina, Carlos Maciá, Jérémy Pajeanc, Rodríguez-Méndez e Jorge Varela, dous deles presentes no acto de presentación desta mañá.

A memoria das mulleres

Para recuperar a memoria das mulleres antifascistas borradas da historia, o módulo feminino acollerá nas súas celas a exposición itinerante Vermellas (Chamábanlles rojas), unha iniciativa dos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, promotores da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, executada en colaboración co Proxecto Nomes e Voces da Universidade de Santiago de Compostela, e que foi inaugurada por primeira vez na Sala Isaac Díaz Pardo do Campus universitario lucense.

A mostra componse de vinte paneis con textos explicativos que recuperan datos e fotografías sobre as mulleres máis conscientes e resistentes durante a II República que foron asasinadas, violadas, maltratadas, rapadas, presas ou exiliadas. Algunhas delas estiveron, precisamente, presas no cárcere de Lugo, como foi o caso de Consuelo Alonso, humilde vendedora de xornais en Monforte de lemos e nai de catro fillos, que foi xulgada e fusilada en solitario en 1938, segundo datos da historiadora María Jesús Souto Blanco. Os textos, elaborados con gran rigor documental, están acompañados de poemas do libro Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer e de fragmentos da novela Atracción total de Carmen Blanco.

As mostras, abertas ao público e gratuítas, estarán abertas ata o 5 de novembro.

Visitas guiadas

Carmen Basadre lembrou as visitas guiadas por este espazo e polas exposicións para os vindeiros días, venres 28 de abril, de 11:30 a 13:30 e de 18:30 a 20:30 horas; e sábado, 29 de abril, ás 12:00 e ás 18:30 horas. O luns 1 de maio haberá visitas de 11:30 a 13:30 horas.

As prazas son limitadas (25-30 persoas) polo que hai que inscribirse previamente na recepción do Vello Cárcere ou no teléfono 982-29-71-95.

Multimedia

  • O Vello Cárcere expón a súa memoria histórica dende este venres nunha triple mostra

Noticias relacionadas