O Vello Cárcere acollerá o 26 e 27 de setembro as XXXI Xornadas Penitenciarias Lucenses, que abordarán a educación en prisión

A Alcaldesa, xunto á presidenta e un vogal da Asociación Concepción Arenal, Paula Alvarellos e Víctor Fraga, presentou o encontro, que leva por título Abride Escolas e Pecharanse Cárceres

“Non é o castigo o que chega a transformar a conducta humana, é a educación, e os cárceres, cos seus programas de educación social, aportan coñecementos, pero tamén inclusión social”, subliñou Lara Méndez

Venres, 28 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere acollerá o 26 e 27 de setembro as XXXI Xornadas Penitenciarias Lucenses, que abordarán a educación en prisión

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este venres no Salón de Plenos, xunto á presidenta e un vogal do colectivo organizador, a Asociación Concepción Arenal, Paula Alvarellos e Víctor Fraga, a 31 edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, que se celebrarán os días 26 e 27 de setembro no Vello Cárcere baixo o lema Abride Escolas e Pecharanse Cárceres, unha das frases máis célebres precisamente de Concepción Arenal, como lembrou a rexedora. A educación na prisión como parte fundamental da reinserción social, recollida no artigo 25 da Constitución, é a temática desta edición das xornadas. Ao acto de presentación acudiron representantes dos cárceres provinciais e da Subdelegación do Goberno.

A Alcaldesa destacou a calidade das xornadas, “polos seus poñentes, os participantes e as temáticas”, que neste caso versa sobre a educación nas cárceres. As prisións, sinalou Méndez, “son unha mostra visible dos fracasos da liberdade e da propia educación, pero paradoxicamente unha forma de solventalos. Debemos enfatizar na pedagoxía e na educación social como complemento da condena das persoas condenadas e da súa vida posterior”. O sistema penitenciario non pode illar a ninguén da sociedade nin da misión socialmente educadora. Neste escenario enmárcanse as actuacións  que o sistema penitenciario español desenvolve nos últimos anos: ensinanza regrada, inserción laboral, ocio, cultura, deporte... Trátase, sen dúbida ningunha, dunha tarefa complexa, na que seguro que converxen posturas institucionais, éticas, controvertidas, políticas... Pero non é o castigo o que chega a transformar a conducta humana, é a educación, e os cárceres, cos seus programas de educación social aportan coñecementos pero tamén inclusión social, aporta un futuro distinto ao pasado que trouxo aos presos ao cárcere”, argumentou Lara Méndez.

Pola súa banda, Paula Alvarellos agradeceu o apoio e colaboración económica que prestan á organización destas xornadas o Concello e a Deputación de Lugo, ademais de destacar que o Vello Cárcere é “un entorno que vai plasmar moi ben o que é a nosa asociación”.

Alvarellos explicou que o congreso englobará o relatorio A Educación en prisión na lei orgánica xeral penal. ¿Dereito ou deber? e a mesa redonda sobre A educación de adultos en prisión. Boas prácticas en centros penais.

Víctor Fraga subliñou que as xornadas “poñen en valor, son unha homenaxe, a todos os mestres e mestras” que desenvolven unha labor educativa nos centros penitenciarios, nos que a día de hoxe, indicou, existe unha escola de formación permanente de adultos.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as 31 Xornadas Penitenciarias Lucenses | Descargar mp3

Noticias relacionadas