O Vello Cárcere acolle a presentación de El Gran viaje de estudios de García Lorca, que aborda o primeiro contacto do autor con Lugo

Mércores, 14 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere acolle a presentación de El Gran viaje de estudios de García Lorca, que aborda o primeiro contacto do autor con Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este venres no auditorio do Vello Cárcere o acto de presentación do libro El Gran viaje de estudios de García Lorca, que, editado polo lucense Henrique Alvarellos, “ten moito que ver con Galicia e con Lugo”, destacou a rexedora, pois relata a través de documentos escritos polo propio Lorca e polo seu compañeiro Luis Mariscal, o primeiro contacto do autor coa cidade lucense e co territorio galego, a súa cultura e as súas xentes.

Méndez agradeceu que Alvarellos elixise a súa cidade para iniciar a xeira de presentacións desta obra e que o fixese no Vello Cárcere, polo seu simbolismo, en tanto que “neste lugar foron encarceradas e asasinas durante a represión franquista moitas persoas simplemente por pensar o que pensaban, como o foi Lorca, fusilado no 36 polo seu pensamento e condición sexual. Estas mesmas paredes que no seu día foron testemuñas de profunda dor e sufrimento, hoxe acollen cultura, liberdade e coñecemento, neste caso acerca dunha figura central da literatura do século XX”.

A nova publicación de Alvarellos recolle a viaxe de estudos de 24 días que García Lorca fixo en 1916 por Castela, Galicia e León co seu profesor Martín Domínguez Berrueta e catro alumnos máis (os 5 mellores expedientes académicos do primeiro curso de Teoría da Literatura e das Artes da Universidade de Granada). Nesta excursión de fin de curso, cando tiña 18 anos, Lorca decidiu abandonar a súa prometedora  carreira na música e dedicarse á literatura.

O libro contén dous relatos. Por unha parte, o do compañeiro de Lorca, Luis Mariscal, que anota en cada parada datos e reflexións sobre a paisaxe e as súas xentes, un documento nunca publicado de maneira íntegra ata agora. Por outra parte, recolle a visión “directa e íntima” do propio García Lorca sobre a viaxe: cartas, as súas primeiras prosas e fragmentos do seu primeiro libro (Impresiones y Viajes, 1918), entre outros textos. A publicación inclúe ademais fotografías de grupo, imaxes de época dos lugares visitados e manuscritos.

Noticias relacionadas