O sistema que informará ós viaxeiros da chegada dos buses ás paradas supón un investimento de máis de 227.000 euros

Venres, 02 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O SAE, que xa funciona noutras cidades, axudará a mellorar o transporte público de Lugo

Os Concello vai mellorar o servizo de transporte público coa implantación dun novedoso sistema que manterá informados ós usuarios sobre os horarios dos autobuses urbanos. Con este sistema de información en tempo real, Lugo sitúase ó nivel das cidades que máis apostan polo transporte público.

Os Concelleiros de Economía e Emprego, Sonia Méndez; de Protección da Comunidade, José Rábade; e de Infraestruturas, José Piñeiro, presentaron hoxe o Sistema de Axuda á Explotación da flota de autobuses urbanos de Lugo (SAE), que xa se está poñendo en marcha.

Segundo explicou a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, “o Concello considera necesario mellorar o servizo de transporte público para facilitar a mobilidade”. Na primeira fase de implantación do SAE, que xa está en marcha e rematará a finais de ano, vanse instalar pantallas que informarán en tempo real da hora de paso dos autobuses. Este sistema funcionará, en principio, “en 11 paradas de bus, 9 delas situadas no centro histórico”, segundo detallou Sonia Méndez. O sistema tamén se implantará en “20 buses urbanos das 10 liñas que se propoñen no estudo do Plan de Mobilidade”. Dentro dos autobuses, os viaxeiros terán información da próxima parada que fará o bus e o tempo que tardará en chegar a ela.

Ademáis, o SAE facilitará información ós usuarios a través de sms ou da internet. Deste xeito, un viaxeiro pode saber con antelación se chega a tempo para coller o bus ou decidir a qué parada lle convén acodir. Para ter esa información, basta con que consulte a internet ou envíe unha mensaxe de móbil indicando cal é a parada da que lle interesa a información e recibirá un sms cos datos de canto tempo tardarán en pasar por ese lugar os dous próximos autobuses.

Máis de 227.000 euros de investimento

A primeira fase de implantación do SAE supón un investimento de 227.138 euros, segundo informou a Concelleira de Economía, e foi financiado polo Plan Urban, a Deputación provincial, o Ministerio de Medio Ambiente e o propio Concello.

Nunha segunda fase, este sistema de información ampliarase, o ano que vén, a outras dez paradas, segundo anunciou o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, quen sinalou que na actualidade os autobuses urbanos de Lugo teñen unhas 400 paradas, pero “o Plan de Mobilidade establece unha reducción de prácticamente o 30%”.

Rábade tamén indicou que o SAE “é unha medida importante, igual que o será a futura implantación da tarxeta cidadá e das canceladoras” para aumentar o número de usuarios dos autobuses urbanos de Lugo, porque “aumentará a fiabilidade do servizo e elo permitirá que medre tamén a confianza dos cidadánas no transporte público”.

O Concello adxudicou a implantación deste Sistema de Axuda a Explotación da flota de autobuses urbanos o pasado 7 de xuño á empresa Electronic Trafic S.A. do Grupo ETRA.

O técnico desta empresa Miguel Ángel Díaz explicou que o SAE axudará a facer máis rentable o transporte público en Lugo, ademáis de aumentar a calidade do servizo ó mellorar a súa regularidade. Segundo explicou, o sistema permite ter localizados permanentemente os autobuses e aumentará a seguridade ó poder “comunicarse instantáneamente calquera tipo de incidencia que se produza”.

O Grupo ETRA implantou o seu sistema SAE en distintas explotacións nacionais e internacionais, e teno en máis de 7.000 vehículos.

Multimedia

Noticias relacionadas