O servizo de intérprete de lingua de signos do Concello atendeu 108 peticións no 2016

Ana González Abelleira informou das solicitudes recibidas para este servizo, que a entidade local presta dende 2007, na liña de conseguir unha sociedade máis inclusiva

Xoves, 19 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou este xoves de que o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos do Concello atendeu un total de 108 peticións no ano 2016. O mes que máis actividade tivo foi xuño, con 32 solicitudes.

A edil explicou que “dende a entidade local ofrecemos estes servizos en prol da igualdade de oportunidades e para conseguir unha sociedade máis inclusiva, cos que ademais buscamos garantirlle a accesibilidade aos servizos municipais a todos os seus veciños e veciñas e facilitarlle a súa participación na vida pública”.

Trátase dunha prestación que leva funcionando dende 2007 e coa que o Concello, que asinou un convenio de colaboración coa Asociación Lucense de Xordos (ALUSOR) e Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU).

Dito servizo, co que se pretende ademais eliminar as barreiras de comunicación como principal obstáculo para acadar a total integración, social e laboral, das persoas con discapacidade sensorial, pode solicitarse a través do Servizo de Atención Cidadá 010, no correo electrónico 010@concellodelugo.org, no fax 982-297-349, enviando un SMS ao número 639-107-010 ou a través dun formulario na páxina web municipal, www.lugo.gal. As solicitudes poden facerse ademais de xeito individual, tanto por parte de entidades públicas como privadas. Para poder prestar o servizo a solicitude deberá facerse cunha antelación mínima de 24 horas.

O Concello tamén ofrece este servizo nos actos institucionais que organiza ao longo do ano, como en diversas actividades da programación do Arde Lvcvs e do San Froilán, entre outros.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o balance do servizo de intérprete de lingua de signos |Descargar mp3

Noticias relacionadas