O próximo 3 de decembro remata o prazo para solicitar as axudas municipais ao alugueiro

O goberno de Lara Méndez habilitou este ano 300.000 € para financiar a convocatoria bianual destas achegas, das que actualmente se benefician 136 persoas

A edil de Benestar, Olga López, lembra que as bases para o 2021 darán preferencia ás vítimas de violencia de xénero, ás familias con fillos ou persoas dependentes ao cargo así como á mocidade de até 35 anos

Venres, 27 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O próximo 3 de decembro remata o prazo para solicitar as axudas municipais ao alugueiro

A próxima semana remata o prazo para concorrer ás axudas municipais ao alugueiro. Unhas achegas ás que o executivo de Lara Méndez dotou neste exercicio con 300.000 euros, co fin de alcanzar o maior número de beneficiarios posible.

A edil de Benestar, Olga López Racamonde lembrou que na convocatoria deste ano se mudaron as bases para dar prioridade, na orde de outorgamento, aos colectivos máis vulnerables.

“Os cambios introducidos priman a concesión da subvención ás vítimas de violencia de xénero, a aquelas familias que teñen ao seu cargo tanto descendentes ata os 25 anos como persoas cun grao de discapacidade superior ao 65% e, en terceiro lugar, ás unidades de convivencia que estean compostas exclusivamente por mozos de até 35 anos de idade. Entendemos que neste contexto de crise sanitaria, que está a derivar noutra de tipo social, cómpre incrementar a protección daquelas persoas para as que a pandemia supón tamén unha merma de oportunidades laborais ou implican unha situación de dependencia”, referiu a concelleira.

As persoas interesadas poden entregar as súas solicitudes até o próximo xoves, 3 de decembro, no Rexistro Xeral do Concello de Lugo, para o que é imprescindible solicitar cita previa no 010, ou en calquera outro rexistro oficial.

Así mesmo, poderanse presentar vía telemática no Rexistro Electrónico do Concello de Lugo, a través de https://www.lugo.gal/portal/trámites

Igualmente, o impreso pode descargarse na páxina web municipal www.concellodelugo.gal no apartado de Trámites e tecleando o número 282 no espazo de Palabras Chave.

As e os solicitantes deberán cubrir os seus datos e os de todos os membros da súa unidade de convivencia (todas aquelas persoas relacionadas no formulario de solicitude deberán estar empadroadas na vivenda obxecto da subveción) e asinar o documento, acompañando a súa firma, na parte de atrás do mesmo, coa do resto de integrantes do núcleo de convivencia maiores de 16 anos. Unha situación que se deberá acreditar documentalmente.

O extracto ao completo da convocatoria pode consultarse na seguinte ligazón: http://www.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/12-11-2020.pdf#page=11

Dende a área de Benestar Social recordan que nos Centros Maruja Mallo e Milagrosa as e os animadores socioculturais prestan axuda técnica para preparar toda a documentación.

Actualmente, as axudas municipais do alugueiro, xestionadas a través de Evislusa, teñen 136 perceptores que reciben unha achega entre os 45 e os 175 euros mensuais, en función da súa renda.

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre as axudas municipais á vivenda | Descargar mp3

Noticias relacionadas