O proxecto Life do Concello, premiado no congreso da enxeñaría en madeira máis importante do mundo, en Seúl

Ao abeiro do plan Lugo+Biodinámico, investigadores da USC deseñaron a cuberta gridshell, a primeira do mundo de madeira de eucalyptus globulus, traballo recoñecido agora no WCTE 2018, que se celebra cada dous anos en Seúl

Martes, 18 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Investigadores da Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (PEMADE) da USC recibiron un galardón no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira (WCTE 2018, Seúl -República de Corea-) polas investigacións desenvolvidas para o deseño e construción da cuberta gridshell construída recentemente no Campus Terra ao abeiro do proxecto Life Lugo + Biodinámico. O Concello de Lugo lidera este plan, no que participan a Deputación e as universidades compostelana e a Politécnica de Madrid, e que ten como obxectivo o desenvolvemento urbano sostible.

O Congreso de Enxeñaría da Madeira de Seúl é o máis importante do mundo neste eido. Celébrase cada dous anos e reúne a enxeñeiros, arquitectos e especialistas da madeira de todos os continentes.

O proxecto Life Lugo+Biodinámico impulsado polo Concello conta cun orzamento de 3,5M€ e ten como obxectivos, por unha banda, a implantación a través de actuacións innovadoras dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible, e por outra, a introducción dun novo modelo productivo, co uso da madeira como elemento estrutural de construción, material que reduce a emisión de dióxido de carbono e impulsa o sector forestal, tanto a nivel dos productores, pois ábrense novas saídas para o producto e aumenta o seu valor engadido,  como da industria da madeira.

O traballo para a construción da estrutura foi desenvolvido por enxeñeiros e arquitectos da Universidade de Santiago de Compostela e da Politécnica de Madrid: Antonio José Lara Bocanegra, Antonio Roig, Almudena Majano Majano e Manuel Guaita, que presentaron unha nova cuberta de tipo gridshell elástica, a primeira realizada en España e a primeira no mundo que emprega como material a madeira de Eucalyptus globulus.

A gridhsell de PEMADE componse de láminas de madeira en retícula curvadas elasticamente. Estas láminas constrúense a partir de pezas rectas e idénticas de madeira serrada. Esta técnica permite crear estruturas de grandes dimensións dobremente curvadas simplemente entrecruzando as láminas en capas sucesivas, coma se dun tecido se tratase. Este primeiro prototipo de gridshell serve como almacén para madeira de PEMADE. A súa estrutura ten 24ms. de lonxitude e, dado que se apoia unicamente nos seus lados curtos, logra salvar unha luz de 15m. e 4,5 m. de voo en cada extremo. O emprego de madeira de Eucalyptus globulus vén dado pola súa idoneidade polas súas propiedades resistentes sen presentar practicamente nudos. Trátase da especie forestal clasificada en Europea para uso estrutural con maiores propiedades resistentes.

Noticias relacionadas