O papel de Galicia e do norte de Portugal a debate na presentación do libro “Unha nova Olanda”

No acto participará a alcaldesa de Lugo e primeira Presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez; o historiador Ramón Villares; e Daniel Hermosilla, Conselleiro Delegado do Grupo Rodiñas.

O libro está considerado un dos máis destacados de economía industrial dos publicados no ano 2022.

O escritor conclúe que Galicia terá un horizonte se sabe combinar co Norte de Portugal un eixe atlántico que sexa imán de atracción de investimentos, poboación, recursos e talento.

A cita terá lugar no Vello Cárcere o 27 de xaneiro ás 19:00 horas e estará conducido pola xornalista lucense Cristina Lombao.

Venres, 20 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Debater sobre o enorme potencial da Eurorrexión conformada por Galicia e o norte de Portugal nun escenario global. Ese é un dos obxectivos do prestixioso ensaísta Antón Baamonde, que presentará o 27 de xaneiro en Lugo o seu último libro: “Unha nova Olanda”.

O escritor lucense conseguiu elevar á axenda pública o cáracter urbano de Galicia e a identidade de cada cidade pero baixo unha perspectiva integradora: “Galicia ten que pensarse como unha única cidade con varios nós”, explica. O autor estará acompañado na presentación por Lara Méndez – alcaldesa de Lugo e a primeira muller que preside o Eixo Atlántico-, Ramón Villares –historiador, catedrático e ex presidente do Consello da Cultura Galega- e Daniel Hermosilla –conselleiro delegado do Grupo Rodiñas-.

Segundo Antón Baamonde, Galicia, como Holanda, forma unha rede urbana, un diamante con vértices nas sete cidades. “Promover unha boa conexión podería favorecer a comprensión de Galicia como unha cidade única, necesaria para reter e captar creatividade e talento, en definitiva, a competividade das sociedades no mundo global”, afirma.

Para Baamonde, “a cooperación entre as diversas cidades galegas é inevitable. Están chamadas a entenderse”. Pero vai máis alá: “Convén pensar o modo en que Galicia vai conformar unha agregación de habitantes, actividade económica e vida urbana coa área de Porto e o Norte de Portugal, xa que os dous territorios pódense complementar para promover un efecto multiplicador nas súas economías e sociedades”.

Ensaísta prolífico

Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é profesor de filosofía e escritor. O seu campo de especialización é o ensaio filosófico e político. Autor de numerosos libros, colaborador habitual de medios de comunicación en España, é membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e do Padroado de Radiodifusión.

O libro “Unha nova Olanda” está considerado coma un dos máis destacados de economía industrial de todos os publicados no ano 2022. Medios de comunicación estatais como La Vanguardia destacan a súa lectura neste sentido: https://www.lavanguardia.com/libros/encuadernacion/tapa-blanda/page-1747

Noticias relacionadas