O mellor cinema animado en galego chega ao Auditorio Municipal Gustavo Freire este sábado

Carmen Basadre e Manolo Gómez presentaron esta mañá no Salón de Comisións o maratón de cine animado, dende as 17:00 ata as 23:30 horas. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo

Xoves, 15 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O mellor cinema animado en galego chega ao Auditorio Municipal Gustavo Freire este sábado

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto ao director de cine Manolo Gómez, presentaron este xoves o maratón de cine animado en lingua galega, que conta con tres premios Goya, entre outros galardóns cinematográficos. Trátase dunha sesión de cine intensa, que acollerá o Auditorio Municipal Gustavo Freire este sábado, dende as 17:00 ata as 23:30 horas.

No acto, Basadre recoñeceu que é un orgullo que un galego como Manolo Gómez goce de gran prestixio dentro do cine de animación, logrando acadar distintos premios. Ademais, convidou a toda a cidadanía, cativos e grandes, a asistir a esta sesión continua de cine animada, ao tempo que lembrou que a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.

Gómez introduciu este maratón cunha pequena reportaxe, na que amosou a forma de elaborar as películas de animación, en concreto a do Espírito do Bosque. Tamén quixo deixar claro que este maratón vai encamiñado, non so aos máis pequenos, senón tamén a adultos, xa que, segundo explicou, sempre trata de educar en valores a xente de todas as idades, dende a preocupación polo medio ambiente ata a convivencia entre culturas. Agradeceu tamén o interese amosado polo Concello de Lugo pola cultura e a conciliación nestas datas tan familiares.

O maratón inclúe as películas O Bosque Animado, Soño dunha noite de San Xoán, Espírito do Bosque e HoyNight!. Haberá un descanso entre pase e pase.

Noticias relacionadas