O IX Campamento Lumieira Cup, co que colabora o Concello, cheo de deporte, solidariedade e inclusión social

Miguel Fernández, Ana Abelleria e Óscar Lorenzo presentaron unha nova edición deste tradicional campamento, que terá lugar entre o 3 e o 31 de xullo

Martes, 13 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O IX Campamento Lumieira Cup, co que colabora o Concello, cheo de deporte, solidariedade e inclusión social

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o presidente da Asociación Lumieira, Óscar Lorenzo (Choury), presentaron este martes, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a novena edición do Campamento Lumieira, que terá lugar en distintas instalacións do Concello entre o 3 e o 31 de xullo.

Na presentación, Miguel Fernández amosouse orgulloso de colaborar neste tipo de actividades lúdico-deportivas, ao tempo que felicitou aos organizadores deste campamento, na persoa de Chouri, como presidente da Asociación Deportiva e Cultural Lumieira, asociación que está aí sempre que se trata de presentar calquera tipo de oferta de lecer e entretemento á mocidade luguesa.

Ademais, Fernández recalcou que este tipo de eventos vai na liña da filosofía do Concello de apostar polo deporte de base, de estar preto da mocidade e das súas inquedanzas, posto que "o deporte é saúde, é calidade de vida e convivencia en harmonía, que transite valores positivos, tan necesarios neste momentos".

Ana González Abelleira fixo fincapé no compoñente solidario deste campamento, posto que o 0,7% da recadación destinarase á ONG AXUNICA (Axuda a Nicaragua), para proxectos de desenvolvemento e educación. Do mesmo xeito enxalzou o feito de que se destinen 10 prazas para nenos e nenas con mobilidade reducida ou diversidade funcional. Do mesmo xeito aludiu ás becas que, como cada ano, estarán a disposición daquelas persoas participantes que teñan alcanzadas as mellores notas académicas.

Lorenzo, expuxo, de xeito pormenorizado, as actividades que van ter lugar durante todo o mes de xullo, con horario de 09:30 a 19:30 horas, con opción de madrugadores dende as 08:00 horas. Ademais falou das Noites divertidas, experiencia que acada moito éxito, posto que os rapaces e rapazas gozarán de actividades novidosas co engadido de pernoctar cos seus compañeiros e monitores, todos eles posuidores da titulación pertinente.

Tras agradecer a colaboración permanente do Concello de Lugo, o Presidente da Asociación Deportiva e Cultural Lumieira invitou a todos aqueles que desexen pasar un mes de xullo deportivo, lúdico e de confraternidade, misturado con grandes doses de solidariedade e inclusión, a que se inscriban neste campamento, xa veterano da época estival lucense, que, ano tras ano, cubre a totalidade das prazas ofertadas.

Para inscribirse ou obter máis información, pode consultarse a páxina web http://lumieiralugo.blogspot.com.es/

Noticias relacionadas