O investimento social, pedra angular do Orzamento 2016, que debaterá o Pleno o 31 tras aprobalo hoxe a Xunta de Goberno

A Alcaldesa presentou o presuposto, que ascende a preto de 91M€, dos que o 21% están destinados a políticas sociais

A creación de emprego, cun plan 100% municipal dotado con 1,1M€, e o impulso da actividade turística con preto de 600.000€ para manter os museos municipais abertos todos os días son outros dos piares fundamenais

En infraestruturas, destaca a humanización da avenida Infanta Elena (800.000€), unha zona pública de baño no Miño (250.000€), saneamento (2,4M€), un baño público no parque de Rosalía ou a sinalización para converter Lugo en Zona 30

Os cidadáns participarán de novo nas decisións sobre os investimentos cunha partida de 400.000 euros para os Orzamentos Participativos

O documento que debaterá a Corporación “é froito do diálogo cercano, fluído e constante que mantivemos cos grupos municipais dende decembro”, subliñou Lara Méndez

Luns, 21 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O investimento social, pedra angular do Orzamento 2016, que debaterá o Pleno o 31 tras aprobalo hoxe a Xunta de Goberno

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou de que a Xunta de Goberno aprobou na sesión extraordinaria celebrada este luns o proxecto de Orzamentos do Concello de Lugo, que, con preto de 91 millóns de euros e co investimento social como pedra angular, será sometido a debate e aprobación da Corporación no Pleno ordinario do día 31 de marzo. Esta mesma mañá, a rexedora, que compareceu acompañada da Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, expuxo ao Consello Económico e Social (CES) o presuposto, que abordará a Comisión de Contas o día 28.

Este documento “é froito do diálogo cos distintos grupos municipais, un diálogo próximo, fluído e constante que mantivemos dende decembro co fin de escoitar as súas propostas e incluílas nos orzamentos, salvo aqueles que de forma unilateral decidiron romper o diálogo”.

O proxecto de Orzamento 2016 do Concello de Lugo ascende a 90.984.675,69€, o que supón unha cantidade similar ao 2015, en concreto, un 2,7% menos, fundamentalmente debido ao remate do plan URBAN, executado ao 100%.
O benestar social é o eixo fundamental dos orzamentos, xunto á creación de emprego, o impulso do turismo, fondos europeos como recurso de financiamento, e infraestruturas e servizos públicos, cinco piares que a Alcaldesa explicou un por un.

1.- Investimento Social

“Atendendo á situación socioeconómica de dificultade que estamos a vivir e que hai moitas familias solicitantes e beneficiarias de servizos sociais que antes non o eran, entendemos que debemos facer un esforzo e aumentar considerablemente certas partidas para tratar de paliar esta situación”, subliñou a Alcaldesa, quen concretou que a consignación para Emerxencia Social acada os 400.000€, o que supón un 34% máis que no 2015.
Así mesmo, coñecedor de que as políticas públicas non poden ir só encamiñadas a protexer aos cidadáns que teñen caído en emerxencia social, senón que ademais, requírese investir, sendo incluso máis produtivo, en partidas que eviten chegar a esa exclusión, o Concello reforza as axudas ao alugueiro de vivenda para poder dar cobertura económica a todas as peticións rexistradas o pasado ano, aumentando dita partida ata os 220.000€, un incremento do 32% con respecto ao pasado ano.
As partidas para políticas sociais suman no Orzamento 19 millóns de euros, o que supón un 21% do total, de xeito que Lugo “segue sendo o Concello de Galicia que máis destina a investimento social e esperamos subir postos a nivel estatal”.

2.- Creación de emprego

Segundo os últimos datos oficiais, correspondentes ao mes de febreiro, no municipio de Lugo están inscritas como demandantes de emprego 8.282 persoas, “unha cifra que fala por si soa, que fluctúa, baixou pero volveu a subir, polo que debemos dar solucións para paliar esta situación complicada porque, se non somos capaces de crear emprego, serán máis persoas as que necesiten servizos sociais”, afirmou a Alcaldesa.
Deste xeito, por primeira vez, o Orzamento contempla un Plan de Emprego 100% municipal, que estará dotado de 1.150.000 euros, dos 5 millóns que en total recollen os presupostos para fomentar o emprego. Entre outras iniciativas, tamén se reforzará a formación no CEI Nodus co obxectivo de mellorar a empregabilidade e desenvolverase o plan Inicia Coworking Lugo, que, dotado con 800.000€, prestará apoio gratuíto aos emprendedores para poñer en marcha con éxito o seu negocio.

3.- Impulso do turismo

Dentro do impulso á actividade económica, o Orzamento 2016 contempla tamén accións para fomentar a actividade turística, como “elemento dinamizador da vida económica e social do concello”, unha meta “que nos marcamos dende o minuto cero da formación do Goberno”, asegurou a rexedora. “É obrigatorio o investimento para acompañar as potencialidades naturais que ten unha cidade bimilenaria coma a nosa, cunha oferta cultural propia dunha cidade que quere seguir abrindo as súas murallas a todos os visitantes”, sinalou.
Deste xeito, no proxecto de presupostos figura unha partida de 576.486,36€ para que os museos municipais permanezan abertos todos os días da semana.

Dende a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, o turismo subiu nun 92% en Lugo. O Concello quere aproveitar o recoñecemento doutros dous bens mundiais –o Camiño e a Catedral-, por parte da UNESCO para seguir aumentando, unha liña “na que xa estamos”, como demostra que “os visitantes do pasado mes febreiro foron un 15% máis que os de xaneiro”, apuntou Lara Méndez.

4.- Fondos europeos como recursos de financiamento

“O contexto económico ten mermada a nosa capacidade de investimento, pois priorizamos en servicios sociais, pero debemos seguir buscando financiamento para proxectos que dinamicen a cidade e que permitan recuperar espazos públicos para destino público, para todos os lucenses e para todas aquelas persoas que nos visiten”, afirmou a Alcaldesa, engadindo neste senso que o Orzamento inclúe 100.000€ correspondentes á parte municipal da primeira anualidade do proxecto europeo DUSI, á espera de que sexa resolta a candidatura, coa que o Concello pretende integrar o río Miño na cidade a través do barrio do Carmen e A Cheda.

Tal e como explicou Lara Méndez, a día de hoxe o Concello ten presentado 9 proxectos a outras tantas convocatorias de fondos europeos correspondentes ao período 2014-2020 por un importe máximo de 33 millóns de euros.

5.- Infraestruturas e servizos públicos

A dinamización económica e a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo tamén pasa pola dotación de infraestruturas, explicou a Alcaldesa, quen avanzou que os Orzamentos 2016 garanten de novo a participación cidadá nas decisións sobre os investimentos, cunha partida de 400.000 euros para os Orzamentos Participativos.
Entre as infraestruturas destacadas, a Alcaldesa subliñou a humanización da avenida Infanta Elena (800.00€); o acondicionamento dunha zona pública de baño no Miño (250.000€); a creación dun baño público no Parque Rosalía de Castro (40.000€), un plan de sinalización para converter Lugo en Zona 30 (80.000€) e obras de saneamento (2,4M€).

Situación saneada e estable

Pola súa banda, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou de que o proxecto de Orzamentos aprobado hoxe pola Xunta de Goberno “mantén saneada e estable a situación económica do Concello, pois cumpre cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, sostibilidade financeira e a regra de gasto”. En canto á débeda financeira, precisou que continúa baixando, polo que, “se rematamos o 2015 con 14,4 millóns de euros, neste 2016 o endebedamento caerá ata os 11,6 millóns a final de ano, tras a amortización prevista no orzamento de 2,8 millóns de euros”.

No eido económico, a Alcaldesa resaltou que, tal e como quedou de manifesto durante a reunión do CES, Lugo é o concello de Galicia cunha menor débeda por habitante, con 141 euros.
O capítulo de persoal, de 28,8 millóns de euros, mantense na mesma contía que o 2015, aínda que se contempla o incremento salarial do 1% á plantilla e o pago do 50% da extra. “Isto prodúcese, fundamentalmente, por axustes nos cálculos estimativos dos pagos á Seguridade Social, e tamén pola baixada dos soldos dos políticos”, indicou Ana Prieto.

O capítulo de gastos correntes, e bens e servizos ascende a 42,9 millóns de euros, levemente superior ao 2015 debido sobre todo á consignación do 1.150.000€ do Plan de Emprego municipal. Neste senso, garántese “unha cobertura orzamentaria suficiente dos gastos derivados de contratos vixentes de prestacións e de concesionarios de servizos públicos, aplicando criterios de prudencia, xa que se establecen as consignacións orzamentarias polas contías máximas estimadas, sen prexuízo das eventuais baixas derivadas da licitación de novos contratos”.

No de transferencias correntes, cun importe de 6,4 millóns, mantense o compromiso acadado coas asociacións, clubes e demais entidades co fin de colaborar, promocionar e mesmo garantir a pervivencia das actividades de carácter cultural, social, deportivo e, en xeral, dirixidas a dinamizar a vida social e asociativa da cidade.

En investimentos, con 9 millóns de euros, a Concelleira de Economía destacou, coas partidas de Orzamentos Participativos e de infraestruturas ás que aludiu a Alcaldesa, as seguintes:

  • Ampliación dos hortos urbanos: 60.000€
  • Material para a Policía Local: 250.000€ (radioteléfonos, equipos base, portátiles, repetidores...)
  • Equipamento para o Parque de Bombeiros e o servizo de Protección Civil: 350.000€
  • Obras de accesibilidade: 30.000€
  • Obras no Vello Cárcere: 900.000€
  • Equipamento do novo auditorio: 50.000€
  • Iluminación urbana e rural: 227.000€
  • Parques e xardíns: 235.000€
  • Zona Rural: 295.000€

Audio

  • Lara Méndez, sobre o investimento social na presentación do proxecto de Orzamentos 2016 | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre o diálogo cos grupos municipais na presentación do proxecto de Orzamentos 2016 | Descargar mp3

 

Noticias relacionadas