O I Lucus Mountain Trail, co que colabora o Concello, celebrarase este domingo na cidade

Debido á realización desta proba deportiva, entre as 9:30 e as 14:30 horas, a entidade local ten previsto cortes intermitentes de tráfico en varias rúas, como a Ronda da Muralla, rúa Santiago, Calzada da Ponte ou a estrada de Orbazai

Venres, 04 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O I Lucus Mountain Trail, co que colabora o Concello, celebrarase este domingo na cidade

O I Lucus Mountain Trail celebrarase o vindeiro domingo, 6 de novembro, en diversos puntos da cidade. Este evento, que está organizado por ChampioChipNorte, conta coa colaboración do Concello e destinará parte da recadación á Asociación Somos Unidos Contra o Cancro.

Dita competición deportiva solidaria conta con varias probas, un trail de 24 quilómetros, que terá a saída ás 9:30 horas da Praza Maior, e outro de 15 quilómetros con saída da Ponte Romana. Ambas as dúas discorrerán polos montes de Orbazai e rematarán no Parque Rosalía de Castro. Tamén haberá probas para menores polo interior do parque.

Medidas de tráfico

Debido á realización desta proba deportiva, entre as 9:30 e as 14:30 horas, a entidade local ten previsto distintas medidas de tráfico para garantir o éxito desta competición e a seguridade viaria.

Dende as 9:30 ata as 10:30 horas, aproximadamente, haberá cortes intermitentes do tráfico rodado na Ronda da Muralla á altura da Porta Santiago, rúa Santiago, Calzada da Ponte e estrada de Orbazai, entre a Igrexa de San Lázaro e a ponte nova. Entre as 12:00 e as 14:00 horas, aproximadamente, os cortes afectarán á estrada de Orbazai, entre a ponte nova e a Igrexa de San Lázaro, rúa Santiago e Calzada da Ponte.

Noticias relacionadas