A Alcaldesa e a Concelleira de Economía explicaron os tres expedientes de modificación de crédito que se abordarán no vindeiro Pleno para, unha vez prorrogados os Orzamentos, “permitir que Lugo avance”, subliñou Lara Méndez
Suman investimentos por valor de 4,3 millóns de euros e subvencións por 1,7
Xunto á peonalización, destacan o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e o párking no entorno do HULA, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, e a consignación de fondos para os proxectos europeos
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informaron este martes de que o Goberno proporá á Corporación municipal no vindeiro Pleno ordinario, o día 29, a consignación de 1,3 millóns de euros para licitar este ano a peonalización da Praza da Milagrosa e Quiroga Ballesteros, así como a instalación dunha cuberta nesta última rúa. Estas son dúas das actuacións fundamentais incluídas nos tres expedientes de modificación de crédito presentados esta mañá pola rexedora e a concelleira, e que serán abordados pola Corporación na próxima sesión plenaria co fin de, unha vez prorrogados os Orzamentos, “permitir que Lugo avance”, subliñou Lara Méndez. Os tres expedientes de modificación de crédito suman un investimento total por valor de 4,3 millóns de euros e subvencións ao tecido asociativo do municipio por 1,7 millóns.
O percorrido administrativo que deben seguir estes documentos, unha vez conformados, consiste na súa aprobación en Xunta de Goberno, paso que se dará na sesión de mañá, o debate na Comisión de Contas e, logo, no Pleno do xoves 29 de xuño, para seguidamente proceder xa á súa licitación e execución.
“Gobernar é priorizar, e iso é o que facemos hoxe. Cando asumimos que o orzamento deste exercicio non ía saír adiante por falta de consenso, anunciei tamén que traballariamos para poder elevar a pleno modificacións de crédito que permitan que Lugo avance. Este traballo está feito e como resultado, imos levar mañá á Xunta de Goberno tres expedientes que cremos esenciais para que os veciños e veciñas non sufran a falta de consenso político”, subliñou a Alcaldesa.
Xunto á peonalización da Praza da Milagrosa e Quiroga Ballesteros, Lara Méndez destacou o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e o párking no entorno do HULA(350.000€) e o párking no entorno do HULA (119.000€), a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña (110.000€), e a consignación de fondos para cofinanciar os proxectos europeos: Life e EDUSI, todas, actuacións coas que o Goberno avanza na implantación do modelo de cidade polo que traballa, baseado na mellora da mobilidade, na reducción do tráfico e na recuperación de espazos públicos para uso público.
A Alcaldesa asegurou que todas as actuacións propostas contan co respaldo veciñal e foron abordadas cos grupos da oposición, ben nas negociacións dos Orzamentos ou no marco de debates plenarios. Se ben é certo que “os interlocutores van cambiando, entendemos que a postura dos grupos políticos non”, afirmou. En canto á elección das obras, subliñou que se debe a un criterio técnico, pois contan xa con memorias valoradas.
Lara Méndez e Ana Prieto detallaron o importe e contido dos tres expedientes de modificación de crédito.
Subvencións: 1,7M€
O expediente referido a subvencións, correspondente ao Capítulo IV dos Orzamentos, suma 1,7 millóns de euros. “Cando falamos de Lugo sempre nos gusta destacar que é unha das cidades, senón a que máis, movemento asociativo ten. Isto é un éxito innegable das asociacións, pero que, evidentemente, demanda apoio por parte das institucións para xestionar o seu día a día. Por iso, temos que falar de subvencións como algo positivo, xa que é o combustible que alimenta esta potencialidade tan diferente e que tanto nos gusta destacar, o movemento asociativo”, afirmou a rexedora, quen, neste senso, recalcou “a xenerosidade e comprensión do Club Deportivo Lugo, Breogán e Prone, aos que se lles baixou a contía e, non só non protestaron, senón que entenderon que cando a bolsa é pequena e as necesidades moitas, toca arrimar o ombreiro e ser xeneroso”.
Tal e como explicou Ana prieto, a distribución das axudas por áreas é a seguinte:
- Servizos Sociais: 253.957,64€
- Muller: 32.360€
- Sanidade: 60.000€
- Cultura: 112.900€
- Deportes: 531.500€
- Participación Cidadá: 33.000€
- Ensino: 30.000€
Ademais, a primeira tenente de Alcalde informou das achegas a institucións, como a UNED (215.000€); Fundación de Feiras e Exposicións (46.153,85€); e Fundación Rof Codina (92.500€), e á Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA), con 247.294,52€.
Investimentos: 4,3M€
Os outros dous expedientes, referidos a Capítulo VI e VII, de Investimentos e Transferencias de Capital, suman 4,3 millóns de euros e están destinados, por unha banda, a “facer fronte aos proxectos que están cofinanciados, esto é, aqueles fondos que captamos para desenvolver o noso modelo de cidade, para os que o Concello ten que poñer unha achega complementaria”, afirmou a Alcaldesa, referíndose ao plan Life (Lugo+Biodinámico); Plan Único da Deputación; a instalación dunha caldeira de biomasa na zona deportiva de Frigsa; e o EDUSI (Muramiñae), “eixo transversal da acción municipal destes catro anos”.
Así mesmo, inclúen investimentos “imprescindibles para o día a día do Concello”, como a compra de equipos informáticos, leasing de vehículos, gastos de iluminación, saneamento, ou mesmo, adquisición de sinais viarias. “Son gastos correntes en calquera Administración, pero que o lexislador considera investimentos, e por iso teñen que ser aprobados en Pleno”, explicou a Alcaldesa.
Nestes expedientes, o Goberno contempla crédito así mesmo para a compra de instrumentos da Banda e a Escola Municipal de Música, para os novos pregos en licitación como o da xestión dos Museos ou que se prevén licitar, como os da ETAP e a EDAR, co fin de “executalos con garantías”.
Xunto a estes investimentos ordinarios, figuran a maiores “outros proxectos beneficiosos para Lugo que gozan de amplo consenso político e da veciñanza”, resaltou a Alcaldesa, como a devandita peonalización da rúa Quiroga Ballesteros e a instalación dunha cuberta, a construción dun parking municipal xunto ao HULA, obras de mellora na Praza de Abastos, o acondicionamento de aparcamentos disuasorios, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña ou a “peonalización parcial da Milagrosa, nas inmediacións da Praza, co que se conseguirá un maior espazo público enlazándoo con Divina Pastora”.
Relación completa de investimentos:
Capítulo VI
Radioteléfonos, equipos base, portátiles, repetidores, … |
30.000,00 |
Bolardos, sinais e outros. |
40.000,00 |
Aportac.mun. Proxecto LIFE |
97.694,00 |
Peonalización, humanización e cuberta Quiroga Ballesteros |
1.100.000,00 |
Acondicionamento aparcadoiros disuasorios |
350.000,00 |
Peonalización praza da Milagrosa |
220.000,00 |
Acondicionamento parcela aparcadoiro San Cibrao |
119.000,00 |
Aportac.mun. Plan Prov. único |
33.189,32 |
Abastecem. Domiciliario auga potable |
309.919,00 |
Iluminación Pública Zona Urbana |
25.000,00 |
Contrato valoración de obra Parques e Xardíns |
30.000,00 |
Obra Volta da Viña |
100.000,00 |
Investimentos en colexios e E.I.M. |
90.249,06 |
Libros Biblioteca Municipal |
6.000,00 |
Instrumentos Banda de Música |
25.000,00 |
Instrumentos Escola Música |
35.000,00 |
Investimentos en Deportes |
80.000,00 |
Investimentos en praza de Abastos |
30.000,00 |
Asfaltado de pistas |
80.000,00 |
Investimentos informáticos internos |
80.000,00 |
Investimentos en edificios municipais |
50.012,29 |
Novas actuacións e instalacións Sala Control Tráfico |
30.000,00 |
Sala Tiro Edificio Policía Local |
58.000,00 |
Eliminación tapón urbanístico |
110.000,00 |
Iluminación P. Zona Rural |
20.000,00 |
Rede calor biomasa parque Milagrosa |
258.752,00 |
Centro Sociocultural Vello Cárcere |
21.543,86 |
Investimentos en museos |
193.518,68 |
Aportac.mun. subvención Turismo |
5.000,00 |
Marquesiñas Zona Rural |
9.800,00 |
Cotas leasing exercizos anteriores |
78.014,00 |
Capítulo VII
A EVISLUSA: equipos informáticos |
3.500,00 |
Abastecemento de auga a Lugo 1ª fase. |
428.550,00 |
Ampliación do abastecemento de auga a Lugo |
21.175,00 |
Abastecemento auga a Lugo 2ª fase |
180.484,00 |
Colectores Xerais do Río Miño en Lugo |
17.072,00 |
Audio
- A Alcaldesa no Pleno sobre os investimentos | Descargar mp3