O Goberno poñerá en marcha obras de pavimentación en 7 viais da cidade e do rural por un importe duns 317.000 euros

Trátase do vial de Milleirós, dos Chaos e Camiño de Liñares (en Meilán), das rúas Monte Adairo e Monte Pía Paxaro (nas Gándaras), do acceso á igrexa do Sagrado Corazón e da rúa dos Artesáns (no Ceao)

As tarefas acometeranse ben a través do Plan Único ou do Plan de Barrios, co obxecto de “avanzar na mellora de servizos e infraestruturas do municipio, o que mellorará a calidade de vida da veciñanza"

Mércores, 22 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro Municipal, Miguel Fernández, anunciou este mércores, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que na sesión desta mañá o Executivo Local deu luz verde á contratación de obras de pavimentación en 7 viais da cidade e do rural por un importe total de ao redor duns 317.000 euros.

En concreto son as seguintes:

  • Vial dende Milleirós á Tolda de Milleirós, por un importe de 81.067 euros e un prazo de execución de dous meses.
  • Rúa dos Chaos e Camiño de Liñares, por un importe de 107.754 euros e un prazo de execución de dous meses.

Os traballos nestas tres vías, pertencentes á parroquia de Meilán, están enmarcados dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2018, impulsado pola Deputación.

  • Acceso e contorna da igrexa de Sagrado Crazón, por un importe de 22.804 euros e un prazo de execución de dous meses.
  • Rúa Monte Adairo e Monte Pía Paxaro (nas Gándaras), por un importe de 32.326 euros e un prazo dun mes de execución.

Estas tarefas acometeranse dentro do Plan de Barrios do Goberno, que cun orzamento de 2,5 millóns de euros, puxo en marcha o equipo de Lara Méndez para avanzar no seu modelo de cidade e cumprir tanto os acordos do Pleno como as necesidades veciñais.

  • Rúa dos Artesáns, por un importe de 73.600 euros e un prazo dun mes de execución. Estas obras acometeranse cunha axuda duns 58.800 euros que vén de acadar o Concello dentro da liña de subvencións autonómicas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais. O resto da cuantía achegaraa o Concello a través do Plan de Barrios.

Este investimento contribúe de maneira directa a “avanzar na mellora de servizos e infraestruturas do municipio para garantir a seguridade, o que mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas tanto da cidade como das nosas parroquias", subliñou Fernández.

Outros asuntos

Entre outros asuntos, na sesión deste mércores acordouse sacar a contratación, mediante lotes, a subministración tanto de zahorra como de gravilla para regos asfálticos. Con este contrato dótase á brigada da zona rural de material para realizar os traballos de mantemento e conservación das pistas de titularidade municipal. O contrato ten unha duración dun ano para cada lote sendo o prazo de entrega de 24 horas unha vez solicitado o material. O orzamento anual e de 50.000 euros para cada lote e a cantidade a subministrar é de 4.400 toneladas de zahorra e 4.200 de gravilla.

Así mesmo, tamén se acordou licitar o servizo de comida para a celebración do día das persoas maiores, que conmemorá cun xantar o Concello de Lugo, previsiblemente o 30 de setembro, por un importe de 30.000 euros; tendo en conta un prezo do menú de 20 euros e un número estimado de 1.500 menús.

Tamén se sacou a contratación un servizo de asesoramento e mediación de seguros para o Concello, por duración dun ano, podendo prorrogarse por catro máis. O orzamento base de licitación ascende a 21.670 euros.

Audio

Noticias relacionadas