O Goberno local mobiliza os recursos de nove servizos municipais dentro do dispositivo especial de cara á saída de etapa da Vuelta

O Servizo de Deportes foi o encargado de planificar esta complicada engrenaxe, que supón importantes actuacións de limpeza, electromecánica, Enxeñaría ou de Augas.  

O Goberno local tamén coordinou os reforzos de efectivos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, con presencia de ata 36 policías locais e nove bombeiros.

O edil Jorge Bustos fala do “gran traballo realizado desde hai meses por todos estes departamentos nunha proba que supón unha gran promoción para Lugo”. 

Luns, 26 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local mobiliza os recursos de nove servizos municipais dentro do dispositivo especial de cara á saída de etapa da Vuelta

A saída desde o centro de Lugo da decimo terceira etapa da Vuelta a España ten detrás un importante traballo de planificación de ata nove servizos municipais, que desde hai meses traballan no deseño de plans de tráfico e dispositivos de reforzo, baixo a coordinación do Servizo de Deportes. O edil responsable desta área, Jorge Bustos, destaca o “gran valor promocional dun evento deportivo deste nivel que esixiu meses de traballo de moitos departamentos municipais para que a saída desde Lugo sexa perfecta, ao igual que a imaxe da cidade”.

O Goberno local tivo que mobilizar recursos e planificar esta complexa engrenaxe, co obxectivo de que todo estea a punto para a saída do pelotón, prevista para as 12.55 horas. Bustos explica que “a planificación comezou o pasado 18 de maio, coa implicación de moitos departamentos como Limpeza, Augas, Vías e Obras, Electromecánica, Enxeñaría, Transición Ecolóxica, Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, todos eles baixo a coordinación da área de Deportes”. Esta mañá, o propio Bustos xunto ao concelleiro responsable de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, estiveron revisando algunhas actuacións na contorna da saída da proba, na que hoxe leváronse a cabo a instalación de novas acometidas eléctricas.

Durante estes meses houbo que establecer plans de tráfico para o día previo da proba e a xornada da propia etapa, ademais doutro alternativo para veciños e veciñas, vehículos de emerxencia ou transporte público; preparar un novo sistema de recollida de lixo para estes días; instalar novos puntos de acometida de augas para o sistema de abastecemento que require unha proba desta envergadura ou instalar novos puntos de luz e acometidas eléctricas, ademais de nova sinalización ou retirada de bolardos. De feito, o plan de tráfico contabiliza a instalación de case 110 valos e dunhas 120 sinais para comunicar as rutas alternativas ás e aos lucenses. Hai que ter en conta que pese a que a saída será ás 12.55 horas, os cortes das rúas, dos que se informará en datas próximas, abarcará dende as 09.00 horas do día anterior á proba ata as 16.15 horas da xornada da etapa.

Outro dos servizos que tivo que preparar un dispositivo especial é o de limpeza, dependente da área de Transición Ecolóxica. Así, Miguel Fernández, explica que “prestarase especial atención á limpeza viaria, fregado e decapado de beirarrúas, calzadas e prazas, baldeo mecánico e mixto, varrido mecánico e manual e eliminación de carteis e pintadas. No apartado de recollida de RSU, colocaranse doce contedores de fracción resto, seis de bolsa amarela e realizarase un servizo de recollida específica de papel e cartón, para a correcta imaxe de todo o percorrido”.

Para iso os traballos iniciaranse o xoves, 22 de agosto, actuando sobre as zonas descritas. O xoves día 29, durante as tres quendas de traballo, actuarase de maneira intensiva no lavado de rúas e calzadas e o varrido mecánico de prazas, calzadas e beirarrúas, para o día 30 de madrugada finalizar os últimos traballos e deixar listas as zonas antes das 09:00 horas. Tamén se intervirá na limpeza especial de todas as rúas e prazas polas que transcorrerá o pelotón ciclista, para o que se mobilizarán os recursos municipais, con ata dez vehículos mecánicos, entres eles camións cisternas de rego e baldeo, fregadoras, varredoras ou equipos de limpeza de alta presión, entre outros, ademais dun equipo de ata 18 traballadores desta área.

Ademais da coordinación de todos estes servizos, o área de Deportes traballou tamén en colaboración cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Por unha banda, a Policía Local incrementará o número de efectivos para esta xornada, polo que aos axentes que integran a quenda habitual, cun oficial e oito policías, se reforzará con dous inspectores, seis oficiais e 19 policías, cun total de 36 efectivos. Por outra, Protección Civil incorporará oito traballadores para asistir á Policía Local, nos labores de protección e seguridade no percorrido da etapa pola cidade de Lugo, ata a saída neutralizada do pelotón na N-VI, punto no que pasará a ser competencia da Garda Civil. Tamén o dispositivo habitual de bombeiros se verá reforzado para completar os nove efectivos, que asistirán con dúas dotacións para o centro de Lugo e para a zona vip, ademais de cubrir o aterraxe do helicóptero da Vuelta ciclista, na explanada das costas do parque na que se instala habitualmente a barraca do Ratón Vacilón.   

Respecto ao traxecto desta decimo terceira etapa, arrancará na Horta do Seminario, para continuar pola rúa Bispo Aguirre, dar a volta practicamente completa por toda a Rolda da Muralla, e baixar pola rúa Santiago cara a N-VI, para tomar a saída lanzada.

Multimedia

  • O Goberno local mobiliza os recursos de nove servizos municipais dentro do dispositivo especial de cara á saída de etapa da Vuelta

Noticias relacionadas