O Goberno local intenta de novo que o Concello aforre un crédito de 2,8 millóns

Proporá outra vez ó Pleno aproveitar os remanentes para financiar investimentos e dalle a oportunidade ó PP de rectificar a súa postura contraria ó interese xeral que obriga ó Concello a contraer un crédito innecesario

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe o proxecto de expropiacións da Ronda do Carme

O Concello terá que pagar case 4 millóns de euros por culpa da política urbanística dos gobernos do PP

Mércores, 22 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Luis Álvarez

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, destacou dous importantes asuntos aprobados hoxe pola Xunta de Goberno Local en materia económica e de urbanismo. O Equipo de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá, para volver sometelo á consideración do Pleno municipal, a renuncia á contratación dun crédito bancario por importe de 2,8 millóns de euros e tamén lle deu o visto e prace ó proxecto de expropiacións da Ronda do Carme, cunha avaliación económica que se achega a 4 millóns de euros.

Luis Álvarez explicou que a Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá, para sometelo a votación no Pleno do mes de maio, unha modificación orzamentaria consistente na renuncia a contratar o crédito bancario previsto no Presuposto municipal para 2015 destinado a investimentos e adicar a este fin parte dos remanentes acumulados polo Concello logo da liquidación do pasado exercizo.

O Voceiro do Goberno local confía en que o Concello poida evitar así ter que contratar un crédito bancario que non necesita e lembrou que esta proposta foi rexeitada polo Partido Popular no Pleno celebrado este mes, nunha posición política “insensata e irresponsable”.

“Esperemos que se impoña un mínimo de sentatez”, manifestou Luis Álvarez quen explicou que o PP vai ter unha segunda oportunidade na que poderá rectificar unha postura que perxudica gravemente o interese xeral. Álvarez remarcou que o PP quedou sen excusas unha vez solventado o referido ós ingresos pola venda de accións do CD Lugo.

Expropiacións para compensar ós perxudicados polo urbanismo do PP

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou inicialmente o proxecto de exporopiación dos terreos situados nas marxes da Ronda do Carme afectados por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle deu a razón ós propietarios perxudicados pola calificación urbanística que lles deu ós seus terreos o Concello cando gobernaba o Partido Popular.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente lembrou que estes propietarios foron vítimas “dunha actuación absolutamente inxusficable, consecuencia da maneira de concebir o urbanismo de quen gobernaba daquela este Concello” porque o Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1990 discriminou a estes propietarios ó declarar os seus terreos como urbanizables mentres outras fincas colindantes foron consideradas urbanas, situación á que puxo fin unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En aplicación desa sentenza, as súas propiedades pasan a ser solo urbano e o Concello ten a obriga de obter os terreos necesarios para abrir viais e dispor de espazo para zonas verdes e equipamentos. Por este motivo, é necesaria a expropiación de 5.424,58 m² de superficie, cunha avaliación, en aplicación do procedemento de taxación conxunta para a determinación do prezo xusto, que ascende a 3.943.477,90 euros.

“Son 4 millóns de euros que sairán do Presuposto munipal, que, polo tanto, pagaremos todos os lucenses”, resumiu Luis Álvarez, para quen “éstas son as consecuencias do urbanismo feito a medida”

Tamén explicou que unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia haberá un mes de exposición pública e o Goberno local tamén acordou notificar a avaliación de cada unha das parcelas de xeito individual a cada propietario que disporán do prazo dun mes para facer alegacións.

Licenzas

A Xunta de Goberno tamén decidiu hoxe declarar a caducidade da licenza de obras para a reestruturación e ampliación dun edificio na Ronda da Muralla, 49, ó concorrer causa de demora na finalización da obra, incumprindo o prazo de execución por ter transcorrido sobradamente o prazo e a prórroga para a terminación da obra, que se atopa aparentemente intrrompida, o que produce a extinción da autorización que a licenza urbanística comporta.

Ademais aprobouse a licenza solicitada para a demolición de edificios existentes, por motivos de seguridade para completar as escavacións arqueolóxicas, na rúa San Marcos, números 4 e 6, e desestimouse o recurso interposto contra a imposición da cuarta multa por incumprimento da orde de execución de obras no inmoble número 66 da rúa Serra de Meira.

O Curutelo

O Goberno local tamén lle deu a aprobación definitiva á modificación dos límites das parroquias de San Xoán de Tirimol e San Vicente de Pías segundo os planos que foron informados favorablemente polo servizo de topografía. Apróbase deste xeito o cambio de numeración e nova asignación do enderezo oficial ás edificacións afectadas resultando: Pedrouzón nº 16, nº 17, nº 18, nº 19 e nº20 da parroquia de Tirimol, e Curutelo nº 3,nº4, nº 5, nº 6 e nº 7 da parroquia de Pías.

Outros acordos

Na Xunta de Goberno Local deste mércores tamén se tomou a decisión de declarar deserto o procedemento de licitación para o alleamento de vehículos municipais declarados efectos non utilizables e a apertura dun novo prazo de licitación de 15 dias naturais dende a súa publicación no BOP para a presentación de ofertas.

Este acordo é consecuencia da decisión de excluir a única proposta formulada no procedemento anterior por incumprir o establecido no prego de cláusulas ó presentar nun único sobre a documentación e a oferta económica, dando lugar ao rexeitamento da proposición e procedendo a excluila do procedemento.

Por outra parte, aprobouse a revisión de prezos das tarifas e do canon mensual correspondentes á explotación dos servizos de cafeterías anexas ó Complexo deportivo da piscina municipal de Frigsa e á piscina municipal cuberta do Campus Universitario “As Pedreiras”. A revisión faise conforme á evolución do IPC interanual que, no primeiro caso tivo un descenso do 1,1% co que o cánon queda en 804,15 euros e no segundo diminuiu un 1,3% ata quedar en 906,43 euros.

Audio

  • Luis Álvarez sobre a renuncia ao crédito | Descarga mp3
  • Luis Álvarez sobre a expropiación do Carme | Descarga mp3
  • Luis Álvarez sobre a caducidade da licenza | Descarga mp3

Noticias relacionadas