O Goberno impulsa a empregabilidade feminina e a creación de novos negocios a través do proxecto Xira Mulleres

Ana Prieto, xunto a Gema Domínguez e Estefanía Abelenda presentaron esta iniciativa destinada a creación de negocio e emprego que se realiza por primeira vez en Lugo

A edil destacou o compromiso do Goberno Municipal coa igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos, fundamental e imprescindible para unha sociedade realmente democrática

A programación inclúe formación teórica e práctica, que se desenvolverá no CEI-Nodus os vindeiros 8 e 9 de maio en horario de 09:30 a 14:30 horas

Venres, 27 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno impulsa a empregabilidade feminina e a creación de novos negocios a través do proxecto Xira Mulleres

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, xunto a xestora de comunicación de Coca Cola, Gema Domínguez, a responsable de Emprego e Emprendemento da Fundación Mulleres, Estefanía Abelenda e o representante do Club Burela Fútbol Sala Femenino, Nando López Otero, presentaron este venres, no Salón de Plenos, a segunda edición do proxecto Xira Mulleres, unha iniciativa que se realiza por primeira vez en Lugo, de formación gratuíta e destinada ao xénero feminino, co fin de mellorar a súa empregabilidade ou a posta en marcha do seu negocio vinculado ao sector da alimentación e as bebidas.

Ana Prieto sinalou que “este proxecto, que se dirixe a mulleres de entre 23 a 60 anos, aborda unha ampla programación de capacitación enfocada a ofrecerlles a posibilidade de atopar unha oportunidade de desenvolvemento laboral, tanto no ámbito rural como urbano, a través de dous módulos diferenciados, un de emprendemento e outro de empregabilidade”.

Xira Mulleres, posto en marcha co impulso do Concello e a colaboración de Coca Cola e Fundación Mulleres e o impulso do Concello engloba os seguintes sectores de traballo e creación de posibles novos negocios: agrícola, alimentario, enerxético, industrial, hostalería, pequeno comercio, reciclaxe, distribución e loxística.

Nesta liña, a edil fixo fincapé no compromiso do Goberno de Lugo coa igualdade real entre mulleres e homes en todos os ámbitos, “é un obxectivo no que traballamos de maneira transversal dende todas as áreas municipais, porque cremos que é fundamental e imprescindible para unha sociedades realmente democrática”.

Formación teórica e práctica

Co fin de mellorar a capacitación para o emprego e o fomento do carácter emprendedor, realizarase formación, tanto dende o punto de vista profesional como persoal, a través de sesións teóricas e prácticas que terán lugar no CEI-Nodus o 8 e 9 de maio en horario de 09:30 a 14:30 horas. O día 11 realizaranse entrevistas individuais, e posteriormente as participantes recibirán un total de 30 horas de formación online.

  • Expertos e profesionais impartirán sesións presenciais teóricas co obxectivo de facilitar a identificación e a concreción dos proxectos das mulleres participantes.
  • As inscritas recibirán formación online, de maneira que cada unha desenvolverá a súa idea de negocio. Con este sistema, as emprendedoras coñecerán, en detalle, os nove elementos básicos que estruturan un negocio.
  • Por último, seleccionaranse os 10 proxectos máis destacados e emerxentes de toda España que recibirán servizos de incubación e mentoría. Os tres máis innovadores serán galardoados con 3.000 euros e 6 meses máis de orientación.

Xira Mulleres

Na primeira edición do proxecto, que finalizou en setembro do pasado ano, participaron 4.643 mulleres, das que un 80% se atopaba en situación de desemprego e o 17% eran empresarias. Nesta segunda programación xa hai un total de 20 persoas matriculadas para as xornadas lugueses. As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición no seguinte enlace: https://preinscripcion.giramujeres.com/ .

Audio

Noticias relacionadas