O Goberno do Concello e da Deputación garanten a celebración do Día do Veciño, que reunirá a máis de 3.500 lucenses

A Alcaldesa, o Presidente provincial e o da Federación de Veciños, acompañados dunha trintena de representantes de asociacións veciñais, presentaron esta cita, que terá lugar o día 24 no Pazo de Feiras

Méndez subliñou o “gran traballo que a Federación fai por conseguir mellorar os dereitos dos lucenses, en ámbitos tan importantes como o sanitario, infraestruturas ou comunicacións esencias na cidade e na provincia”

“O Día do Veciño é punto de encontro para milleiros de lucenses de ducias de concellos, e serve para reforzar os lazos comúns e construír a identidade da nosa provincia”, destacou Campos

Xoves, 14 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Goberno do Concello e da Deputación garanten a celebración do Día do Veciño, que reunirá a máis de 3.500 lucenses

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, presentaron este xoves a programación do Día do Veciño, que chega xa a súa 16 edición, e que terá lugar o domingo 24 de setembro, no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense. No acto, participaron tamén máis dunha trintena de representantes de asociacións veciñais da provincia que conforman a Federación.

A rexedora destacou “o gran traballo que a Federación de Veciños leva a cabo para conseguir mellorar os dereitos dos lucenses, en ámbitos tan importantes como o sanitario, infraestruturas no rural ou comunicacións, esenciais tanto para a cidade de Lugo como para toda a provincia”. Neste senso, Méndez apuntou que “o tecido asociativo lucense é sen dúbida algunha un dos piares máis importantes dos que dispomos, feito que debemos preservar, pois Lugo non se entende sen a Federación, Lugo non se entende sen os seus veciños”.

O Concello de Lugo colabora coa organización do Día do Veciño coa intendencia (mesas, cadeiras, escenarios ou megafonía), mentres que a Deputación fai unha achega de 15.000 euros. Tamén colabora ABANCA, GADIS e a Xunta de Galicia, que destina 3.000 euros.

Campos Conde subliñou que “dende o Executivo Provincial, traballamos por unha Deputación social, rural e sobre todo, ao carón das persoas. É por iso que decidimos colaborar un ano máis co Día do Veciño, que é xa todo un referente na nosa provincia. Trátase dunha cita na que ademais de facer provincia, serve para reforzar a nosa identidade común, mantendo os lazos que nos unen como veciños de Lugo. Trátase tamén dunha oportunidade única para estar preto un dos outros tanto a nivel físico, como afectivo; que non debemos desaproveitar pois, dende as administracións públicas temos a obriga de estar preto dos nosos veciños”.

Neste senso, Campos Conde lembrou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos todas e cada unha das reivindicacións que os veciños lucenses fan a través da Federación, co fin de conseguir unha provincia máis igualitaria e que conte cuns servizos mínimos e de calidade”.

Jesús Vázquez agradeceu a colaboración dos Gobernos Provincial e Municipal, “que sempre amosaron a súa disposición por colaborar connosco, tendéndonos a man e recibíndonos sempre coas portas abertas”.

Programación da xornada e promoción dos produtos lucenses

A partires das 9:00 horas do domingo 24 de setembro, máis de 100 voluntarios e voluntarias comezarán a traballar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para ter listos todos os preparativos deste evento. A entrada, cun prezo simbólico, custa 3 euros. Nesta ocasión, o tema ao que está dedicada a xornada é a defensa das dotacións públicas no rural, baixo o lema Lugo en pé... na defensa do rural, o nome da plataforma constituída pola Federación de Veciños.

Coma todos os anos, ás 12:00 horas, terá lugar un partido de fútbol no campo da Cheda. Ao remate, e xa na explanada contigua ao Pazo, haberá sesión vermú amenizada por grupos de música tradicional e bailes a cargo da Escola Ritmo Lugo. O inicio do xantar está previsto para as 13:30 horas. Os máis de 3.500 participantes terán no menú produtos lucenses como pementos de Mougán, chourizos Ceide, empanadas Illán, embutidos de Gadis, pan de Antas de Ulla ou viño de Chantada, promocionando, deste xeito os produtos da provincia. Durante o transcorrer do xantar, intercalaranse tamén actuacións de diferentes grupos musicais.

V de Veciño

Unha das finalidades deste encontro, é a entrega dos premios V de Veciños. Trátase duns premios cos que se homenaxea e recoñecen a labor dun total de 27 persoas que, no decorrer deste ano, destacaran pola súa colaboración co movemento veciñal. Neste ano serán galardoados, entre outros, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández, o Presidente da Deputación e o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, así como xornalistas e empresarios lucenses comprometidos coa provincia.

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo é o colectivo veciñal máis numeroso de Galicia, con 272 asociacións que agrupan a 20.000 persoas.

Noticias relacionadas