O Goberno de Lara Méndez dá un paso esencial para acondicionar a esquina de San Roque e a Ronda aprobando a modificación do PEPRI

A eliminación da pasarela, dar continuidade á beirarrúa de San Roque ata unila coa de Montero Ríos e ampliar o Carril dos Fornos, á súa vez tramo do Camiño, mellorará radicalmente a imaxe, a seguridade e a accesibilidade da zona

A Xunta de Goberno deu luz verde ao Plan Mellora Lugo 2018, con catro liñas de actuación, cun orzamento cada unha delas de 95.000 euros. Con este plan garantirase un mínimo de 16 postos de traballo polo menos durante seis meses

Mércores, 29 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez dá un paso esencial para acondicionar a esquina de San Roque e a Ronda aprobando a modificación do PEPRI

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a modificación puntual do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI) do rueiro 214A, isto é, en fronte á porta de San Pedro, na confluencia da rúa San Roque, a Ronda da Muralla,  Montero Ríos e Carril das Flores. Deste xeito, o Executivo de Lara Méndez dá un paso determinante de cara a posibilitar o desenrolo deste ámbito urbanístico e, con elo, o acondicionamento do entorno, o que contribuirá a mellorar radicalmente a imaxe, a seguridade e a accesibilidade dun lugar emblemático da cidade, pois nel conflúen dous patrimonios da humanidade, como é a Muralla e o Camiño Primitivo.

Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que a modificación do PEPRI conta xa co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e do organismo ICOMOS. Unha vez aprobada de maneira provisional na Xunta de Goberno celebrada hoxe, agora debe informar a Dirección Xeral de Urbanismo e seguidamente o Goberno elevará a proposta a Pleno para o seu debate e visto bo definitivo.

O desenvolvemento do ámbito urbanístico existente entre San Roque e a Ronda levará consigo tres actuacións fundamentais na vía pública: a eliminación da pasarela existente, dar continuidade á beirarrúa de San Roque ata unila coa de Montero Ríos e ampliar o Carril dos Fornos, á súa vez tramo do Camiño Primitivo. Todo isto supoñerá un cambio extraordinario na zona, que ademais mellorará a seguridade e a accesibilidade de peóns e vehículos.

O impulso desta medida forma parte do modelo de cidade polo que traballa o Goberno liderado por Lara Méndez, máis accesible, cómoda, humana e con máis espazos públicos para uso público.

Mellora Lugo 2018

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno deu luz verde ao Plan Mellora Lugo 2018, que pon de novo de marcha o Concello co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento de instalacións e zonas públicas, tanto na ciade como no medio rural. As tarefas terán lugar nas áreas de Educación, Medio Rural, Deportes e Infraestruturas. Cada liña de actuación contará cun orzamento de 95.000 euros e en conxunto, grantiranse un mínimo de 16 postos de traballo no municipio polo menos durante sies meses.

Para a  adxudicación dos catro contratos terase en conta a creación e o mantemento de postos de traballo en empresas locais, co obxecto de paliar os efectos da crise económica no municipio. Deberase incentivar, en cada un dos casos, a nova contratación de 2 persoas traballadoras paradas, que leven inscritas nas oficinas de emprego por un mínimo de 6 meses, e a manter como mínimo a 2 persoas traballadadoras da súa plantilla existente.

En canto ás tarefas a levar a cabo, na área de Educación, o obxecto do contrato é o servizo de mantemento e conservación nos 15 colexios públicos da cidade e nas escolas infantís municipais Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburger. Os traballos consistirán en pequenos retellados e eliminación de goteiras, reparacións de canalóns e baixantes, revisión, limpeza e recheo de areeiros, pintura, arranxo e colocación de persianas, ou reparación de mobiliario, entre outros. No que se refire á área de Infraestruturas, os traballos previstos abranguerán a reparación de beirarrúas, beiravías, canos ou taxeas. Ademais, repararanse elementos de mobiliario urbano e sinalización. Para Medio Rural vaise contratar o servizo de mantemento e conservación de construcións rurais e periurbanas singulares e patrimoniais do Concello, co obxectivo de reparar pequenos defectos detectados nas ITE das antigas escolas rurais e naquelas nas que se fan actividades programadas, así como nos lavadoiros, nas fontes públicas e nos cruceiros. Tamén repararán as zonas públicas do Cemiterio Municipal. Por último no que se refire a Deportes, realizarase o mantemento de equipamentos deportivos en liñas de xogo, cubertas e baixantes; repasos de albanelerías e pinturas de locais, acondicionamento das zonas perimetrais, ou a revisión dos equipamentos sanitarios.

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno tamén acordou sacar a contratación a subministración, mediante lotes, de instrumentos e material musical tanto para a Escola Municipal de Música como para a Banda Municipal de Música. Concretamente, para a escola, o Concello adquirirá 2 gaitas, un bombo con funda e correa, un tambor con funda e baquetas, unha caixa, soporte e funda; unha trompa, dous arcóns, unha frauta, dous requintos e un clarinete. Para a banda, é necesario unha trompeta e o seu estuche, dous timbais con cada súa funda, e pratos e o seu soporte; ademais dun saxofón, cinco tipo de pratos distintos e 3 soportes para pratos. O orzamento para o material da escola é de 20.560 euros e para o da banda, 23.830 euros. A entrega do prazo do material deberá facerse en 60 días.

Audios

Noticias relacionadas