O Goberno crea o Banco de Instrumentos da Escola de Música para facilitar aos nenos con menos recursos a aprendizaxe musical

O Concelleiro de Educación anunciou que esta novidosa iniciativa, que mañá aprobará a Xunta de Goberno, ofrecerá inicialmente o préstamo de 30 instrumentos, que se entregarán aos alumnos en base á renda familiar

A demanda da Escola de Música sube ano tras ano. Este curso conta con 900 matriculados, 200 máis que o pasado

Martes, 17 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno crea o Banco de Instrumentos da Escola de Música para facilitar aos nenos con menos recursos a aprendizaxe musical

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, anunciou este martes que a Xunta de Goberno aprobará mañá a creación dun Banco de Instrumentos na Escola Municipal de Música, unha novidosa iniciativa “que ten como obxectivo fundamental facilitar a aqueles nenos e nenas que teñen poucos recursos a posibilidade de tocar o instrumento que a eles máis lle guste”.

Núñez explicou que nesta primeira fase, o Banco, un dos poucos asociados a unha Escola de Música que se pon en marcha en Galicia, ofertará 30 instrumentos, “que se irán ampliando paulatinamente e que serán entregados aos alumnos en base á renda familiar”. Aceptaranse tamén doazóns de persoas particulares, empresas, entidades públicas ou calquera outro ente ou colectivo.

Os fondos iniciais, valorados en máis de 11.500 euros, son trombóns, trompetas, trompas, saxos, frautas, un fagot, bombardinos, unha tuba, unha gaita, pitos, packs de percusión e clarinetes.

Unha vez que a creación do Banco de Instrumentos e as súas bases reguladoras se aproben mañá na Xunta de Goberno, a iniciativa poñerase en marcha de maneira inmediata.

Prioridade

Os fondos van dirixidos en especial ao alumnado de familias con maiores necesidades económicas para as que a adquisición dun instrumento pode ser un impedimento para a aprendizaxe. Tamén está orientado a facilitar a iniciación a un instrumento, sobre todo nestes momentos nos que afrontar un gasto inicial para as familias é unha dúbida ao non ter a certeza de que o rapaz toque finalmente o instrumento.

Terán prioridade as familias con menos recursos, polo que se solicitará información relativa á situación económica familiar, que se procederá a valorar para establecer unha puntuación –en función duns baremos establecidos en función do IPREM - Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples-), que servirá para definir a preferencia da adxudicación do instrumental. No caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

Abrirase un prazo de presentación de solicitudes, mesmo poderán ser varios no mesmo curso, para adxudicar o préstamo, que será por un curso académico –dos meses de outubro a xuño-, aínda que poderá renovarse en cada exercizo lectivo.

Requisitos básicos

Os requisitos básicos para acceder ao préstamo dun instrumento son estar empadroado en Lugo, ser alumno da Escola Municipal de Música e non ter más de cinco faltas na materia matriculada, presentar o modelo de solicitude para o Banco de Instrumentos debidamente cuberto por Rexistro, adxuntar a documentación requirida na solicitude e non ter débedas co Concello.

O Banco de Instrumentos vén a potenciar a Escola Municipal de Música, que cada ano conta cunha maior demanda. De feito, neste curso ten 900 alumnos, 200 máis que o pasado.

Audio

Noticias relacionadas