O Goberno arranca o Plan de Barrios nas Gándaras coa reurbanización integral da rúa Torre de Doncos

A Alcaldesa avanza que a Xunta de Goberno aprobará mañá o proxecto e a licitación das obras, que con 176.000€ de investimento, consisten na renovación dos pavimentos, das redes de saneamento e abastecemento, e do alumeado

O Plan de Barrios, que, cun orzamento de 2,5M€, puxo en marcha o Executivo permite avanzar no seu modelo de cidade –máis accesible, cómoda e humana-, cumprir o mellor e máis áxil posible as necesidades veciñais, o que mellorará de maneira directa a súa calidade de vida, e cumprir os acordos do Pleno

Martes, 05 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno arranca o Plan de Barrios nas Gándaras coa reurbanización integral da rúa Torre de Doncos

A Alcaldesa, Lara Méndez, o voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, anunciaron este xoves que a execución do Plan de Barrios contemplado nos Orzamentos deste ano cun orzamento total de 2,5M€ arrancará nas Gándaras coa reurbanización integral da rúa Torre de Doncos. Segundo explicou Méndez ante un grupo de veciños do barrio, entre eles, representantes da asociación veciñal Gatos Roxos, a Xunta de Goberno abrirá mañá o proceso de contratación das obras aprobando tanto o proxecto técnico, como os pregos de cláusulas administrativas que rexerán a adxudicación e o gasto.

Os traballos contan cun investimento superior aos 176.000€ e consisten na renovación dos firmes e pavimentos da calzada e as beirarrúas (que pasarán a ter 1,5ms en cada marxe), unha modificación lixeira da rasante da rúa para adaptala ás entradas das vivendas e garaxes, a substitución das redes de saneamento e abastecemento, a dotación de novo alumeado, que levará consigo o soterramento do cableado e a instalación de luminarias sobre báculos ao longo de toda a rúa, e a sinalización horizontal e vertical.

Unha vez publicada a convocatoria no Perfil do Contratante, abrirase un prazo de 20 días naturais para presentar ofertas. As obras deberanse acometer en 4 meses.

A Alcaldesa subliñou que esta é a primeira obra que sae a licitación das que o Goberno desenvolverá a través do Plan de Barrios, no marco do cal ten a día de hoxe contempladas outro medio cento de actuacións en todos os barrios da cidade, tanto de pavimentación, como de humanización, renovación de redes de abastecemento e saneamento, accesibilidade e dotación de mobiliario urbano.

 Méndez destacou que con este plan, “froito do esforzo inversor que fixemos nos orzamentos para materializar o noso modelo de cidade, máis cómoda, accesible e humana, contribuímos ademais a reactivar os barrios, conscientes de que foi onde máis se resentiron os investimentos durante os anos de maior dureza da crise”.  Ao mesmo tempo, “permite cubrir o mellor e máis áxil posible as necesidades dos veciños e veciñas, mellorando de maneira directa a súa calidade de vida, e materializar as propostas aprobadas pola Corporación no Pleno”.

Proxectos en marcha

A Alcaldesa incidiu ademais que a posta en marcha do Plan de Barrios súmase aos proxectos que o Goberno activou dende a entrada en vigor dos Orzamentos, como son a licitación do novo párking público do HULA, os 7 aparcadoiros disuasorios, o ascensor de Fontiñas e a peonalización do entorno da praza da Milagrosa, a aprobación das bases para crear o viveiro de empresas a pé de rúa da Tinería, e o proxecto para acondicionar un carril bici de 15,2qms. 

Noticias relacionadas