O Goberno activa un ano máis as axudas para material escolar, concedendo, por segundo ano, unha contía individual de 100 euros

A Xunta de Goberno deu luz verde ás bases para estas bolsas, dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil, matriculado en centros públicos

As persoas interesadas teñen un prazo de 15 días hábiles, dende a publicación das bases no BOP, para presentar instancias no Rexistro Xeral do Concello

Mércores, 26 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo activa un ano máis a convocatoria para a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material educativo para alumnos e alumnas de educación infantil, co propósito de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os cativos e cativas do municipio. Así o deu a coñecer o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, tras a sesión deste mércores da Xunta de Goberno onde se deu luz verde ás bases para este procedemento de acordo ao compromiso do Goberno con todas e cada unha das necesidades das familias de Lugo.

O Concello, a pesar de non ter competencias en materia de educación, entende que con estas axudas, para as que pasa de destinar 36.500 a 40.000 euros, facilita o acceso á educación a toda pobación en igualdade de condicións, ao tempo que contribúe a superar as desigualdades e impulsa unha mellor educación.

As bolsas escolares están dirixidas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil, matriculado en centros sostidos con fondos públicos. Nesta convocatoria, e por segundo ano consecutivo, a contía individual é de 100 euros. Para acceder a ditas axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno ou alumna estea censado en Lugo.

A convocatoria sairá publicada na Plataforma Base de Datos Nacional de Subvencións e no Boletín Oficial da Provincia. Tamén se inserirán no Taboleiro de Anuncios do Concello e na súa páxina web, www.lugo.gal. O formulario estará a disposición das persoas interesadas na área de Educación, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, así como no propio BOP. As solicitudes presentaranse no Rexistro Municipal nun prazo de 15 días hábiles dende o día seguinte á súa publicación no boletín.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre as axudas para material escolar | Descargar mp3

Noticias relacionadas