O Espazo>Lab pon en marcha 2 novos cursos de atención sociosanitaria que mellorarán a inserción de 30 desempregados

Cada curso conta con 618 horas formativas, das que 120 serán prácticas en empresas luguesas e 18 de formación transversal sobre inserción laboral, medio ambiente,  corresponsabilidade familiar e igualdade entre mulleres e homes

Mércores, 22 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Espazo>Lab pon en marcha 2 novos cursos de atención sociosanitaria que mellorarán a inserción de 30 desempregados

O Espazo>Lab puxo en marcha hoxe e ata o vindeiro 21 de novembro dous novos cursos de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio, dentro da súa aposta pola formación. Trátase de dous cursos enmarcados na programación de accións dirixidas ás persoas desempregadas na comunidade autónoma de Galicia (AFD 2016), subvencionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que formarán a 30 persoas, e que á finalización do mesmo recibirá un certificado de profesionalidade, unha ferramenta útil á hora de buscar emprego.

Cada curso conta con 618 horas formativas, das que 120 serán prácticas en empresas luguesas e 18 de formación transversal sobre inserción laboral, medio ambiente e corresponsabilidade familiar, así como sobre a igualdade entre mulleres e homes. As prácticas terán lugar entre outubro e novembro en 4 entidades luguesas: o Centro de Día Antonio Gandoy, a residencia Abeiro, Alalás e Sanyres. Trátase de dúas actividades formativas englobadas nun sector, que a día de hoxe e debido á ao envellecemento da poboación luguesa, constitúe un nicho de emprego emerxente. Con estes cursos ademais favorécese ás persoas que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral.

Noticias relacionadas