O Espazo>Lab acolle dous cursos sobre coidados e atencións a persoas dependentes e a enfermos de alzheimer para persoas desempregadas

Luns, 11 de agosto de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde accidental, Luis Álvarez, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, visitaron o comezo de dúas accións formativas enmarcadas no programa Lugo Emprego Activo 2 e que contan con 30 alumnos e alumnas.

Os cursos que deron comezo esta mañá foron o de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio que ten un total de 600 horas das que 120 horas son prácticas en empresas. E o curso de coidador de persoas dependentes e enfermas de alzheimer que con 300 horas e prácticas en empresas que permitirán aos alumnos e alumnas poder ter un coñecemento suficiente e unha acreditación para poder desenvolver ese traballo.
O Alcalde accidental destacou a aposta definitiva do Concello de Lugo “por invertir en formacion para as persoas xa que non hai nada que iguale máis a toda a sociedade que aquello que se invirta na formación dos cidadáns”. Tamén fixo unha referencia a que estes cursos están orientados ao coidado de persoas dependentes “precisamente cando a Xunta anuncia a recortes en dependencia, un colectivo moi sensible e que precisa da axuda de persoal cualificado como os que se instrúen nestes cursos”.
Pola súa parte, Sonia Méndez, deu conta da importancia deste programa financiado con fondos europeos xa que o Concello só ten que aportar o 20% do presuposto total que é de1,5 millóns de euros. “Sen esta axuda europea non poderiamos desenvolver estes cursos e máis agora que as políticas do Partido Popular quitaron aos Concellos a competencia en materia de formación e inserción laboral e con este programa estamos dando unha oportunidade a preto de 500 persoas desempregadas”.
Nesta ocasión a empresa docente de ambos cursos será AFALU (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer) e como noutras ocasións os alumnos e alumnas contarán cunha beca pola súa asistencia e que é compatible coa percepción de subsidio ou prestacións por desemprego.
O proxecto Lugo Emprego Activo é un plan integral a favor do emprego dos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80% dentro do Programa Adaptabilidade e Emprego.
Próximas accións Lugo Emprego Activo 2
Próximamente dará comezo tamén as novas actividades formativas da segunda edición do programa Lugo Emprego Activo 2 que beneficiarán a 210 desempregados de Lugo e que teñen un orzamento de 126.550 euros. Estas foron aprobadas na Xunta de Goberno do mércores 30 de xullo e suporán a creación de 14 novos cursos das seguintes especialidades:
- Monitor de turismo activo.
- Atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións.
- Monitor de ludotecas.
- Enquisador.
- Elaboración de produtos lácteos.
- Técnico en transporte sanitario.
- Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.
- Atención socio-sanitaria a persoas no domicilio.
- Impresión dixital.
- Coidador/a de persoas dependentes e enfermas de alzheimer.
- Operacións básicas de cátering.
- Acabado de carpintería e moble.
- Operacións básicas de restaurante e bar.
- Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas.

Multimedia

Noticias relacionadas