O desvío de tráfico da N-VI pola ampliación do paso soterrado que mellorará a accesibilidade á contorna fluvial habilitarase este martes

Lara Méndez supervisou os traballos para a execución da variante, que incluíron o extendido dunha capa de aglomerado e a instalación de sinalización en ambos sentidos.

O ramal que une a Calzada da Ponte coa N-VI quedará cortado dende mañá, aproveitando, ademais, que en breve comezarán tamén as obras de peanolización desta rúa.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada ao 80% polo FEDER, que busca unha nova mobilidade sustentable e unha mellor conexión da cidade co río.

Domingo, 06 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O desvío de tráfico da N-VI pola ampliación do paso soterrado que mellorará a accesibilidade á contorna fluvial habilitarase este martes

O desvío provisional do tráfico da N-VI, que se executou nas proximidades do Hostal San Lázaro, pola marxe esquerda da estrada en sentido A Coruña, con motivo das obras de renovación e ampliación do paso soterrado, impulsadas pola alcaldesa, Lara Méndez, quedará habilitado este martes, entorno ás 11:00 horas.

Así o avanzou a rexedora, quen subliñou que se trata dun desvío duns 160 metros de lonxitude que discorren en forma de curva, para salvar a estrutura do paso inferior a demoler, e do novo paso a executar baixo a estrada. “É dicir, os vehículos que circulen pola nacional desviaranse desde esta facendo unha curva, para volver incorporarse á mesma 160 metros máis adiante”, explicou.

Acompañada do tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, Lara Méndez supervisou os traballos levados a cabo para a execución deste desvío, que incluíron o extendido dunha capa de aglomerado e a instalación de sinalización en ambos sentidos de circulación. Previamente, e como parte dos traballos de renovación do paso, tamén se executou o desvío e soterrado das redes de servizos afectadas (Begasa, R, Correos e Telefónica), así como o desvío das canalizacións de auga existentes.

A alcaldesa explicou que “o desvío proxectouse con sección similar á existente, con carrís de 3,5 metros de anchura e beiravías de 1,5 metros, tendo en conta o elevado tráfico da estrada, de máis de 25.000 vehículos diarios”. Así mesmo, apuntou que se permitirá a entrada directa desde a estrada á chaira contigua ao hostal San Lázaro, saíndo polo mesmo punto, para o que se instalará a debida sinalización este mesmo martes.

“Por outra banda, dende mañá, luns, cortarase o ramal que une a Calzada da Ponte coa N-VI por unha cuestión de seguridade e aproveitando, ademais, que en breve comezarán tamén as obras que impulsamos dende o executivo para a peonalización da Calzada”, apuntou.

Lara Méndez lembrou que “o obxectivo destas obras, que contan cun orzamento de 865.000 euros, é mellorar as condicións deste itinerario peonil, que será apto tamén para o uso de bicicletas, ao tempo que melloramos as conexións dende a trama urbana da cidade coa zona fluvial do Miño, apostando por unha nova mobilidade máis sostible, con novas infraestruturas e dotacións, como a nova pasarela, recentemente inaugurada, que reduzan o uso do vehículo particular, e polo tanto as emisións de gases contaminantes”.

Actuacións a executar

As obras contemplan a demolición do actual paso inferior, feito de formigón, e a execución dunha nova estrutura de paso, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e farao moito máis agradable e seguro para o usuario, con perspectiva de xénero. Neste senso, dobrarase a anchura, pois dos 4,5 metros actuais pasará a 8, e a altura será máis do dobre, pasando dos 2 metros actuais (nos extremos) a 5,3 metros.

Unha vez liberado o espazo e trala demolición do actual paso, levarase a cabo a execución da nova estrutura. Concluído o novo paso subterráneo, repoñerase a iluminación e servizos na N-VI e tamén se reporá o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4 m entre si. Tras a finalización destas obras levarase a cabo a reapertura ao tráfico e o levantamento do desvío provisional, que pode durar entre dous meses e medio e tres.

Adecuación da senda peonil

Por outra banda, o proxecto tamén contempla a adecuación da senda peonil que conecta a explanada situada ao norte da Nacional ata o hostal San Lázaro, con unión a Calzada da Ponte, un itinerario xa existente que, polas súas características actuais, resulta incómodo para os viandantes, especialmente na época de inverno, ao formarse charcos e zonas de barro.

Para evitar este problema e mellorar a comodidade dos usuarios, levarase a cabo a súa pavimentación, que será adecuada ao tráfico peonil e ciclista, e aceptando o uso ocasional de vehículos. Este pavimento terá acabado en cor ocre ou terra para integrarse na contorna.

O paseo peonil, de 335 metros de lonxitude, terá dous metros de ancho e na zona do terraplén da N-VI contará con murete de 0,5 metros de ancho na marxe dereita, revestido en pedra natural para a súa integración na contorna, para colocación da iluminación e sostemento de terras.

En canto á iluminación, na senda peonil proxéctanse luminarias LED de 50 w sobre báculos de 4,0 m de altura encostados ao carón do camiño e cunha distancia entre os mesmos de 20 metros. Respecto ao paso inferior, cunhas dimensións de 8 x 5 metros e unha lonxitude de só 12 metros, exponse a súa iluminación mediante dous proxectores en disposición cenital centrada, cunha distancia entre eles de 6 metros e equidistantes das saídas.

A renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxo principal obxectivo é integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna.

+INFO:

Noticias relacionadas