O Concello sortea os membros das 124 mesas electorais para as eleccións municipais do 24 de maio

O Concello de Lugo celebrou hoxe, consonte os prazos establecidos polo calendario electoral, a sesión plenaria extraordinaria na que se efectuou o sorteo das persoas que formarán as mesas electorais nos comicios municipais do 24 de maio.

Luns, 27 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

No sorteo, celebrado por ordenador, foron elixidas as 1.116 persoas necesarias para constituír, ben como titulares ou ben como suplentes, as 124 mesas electorais nas que poderán depositar o voto os veciños e as veciñas do concello de Lugo. O censo electoral para estes comicios é de 79.331 persoas e para cada unha das mesas foron elixidos 3 titulares (un presidente e dous vogais) e 6 suplentes (dous para cada uno dos membros da mesa).

Unha das novidades que se producirán nestas eleccións locais é a modificación na localización dalgunhas das mesas electorais no noso termo municipal, que se producen para facilitar todo o posible o exercicio do dereito ó voto das persoas censadas en Lugo.

O Concello, a petición da Comisión de Alcaldía e Participación cidadá, realizou un estudo da localización das mesas e colexios electorais, co obxectivo de analizar a súa situación xeográfica con relación ó domicilio dos electores.

A finalidade desta modificación foi que, no posible e sempre dentro das limitacións legais establecidas, o emprazamento dos colexios electorais resulte o máis próxima posible para o groso do electorado da sección censual.

Logo dos informes técnicos oportunos, modificouse a localización das Mesas electorais das Seccións: 5/2, 5/3, 5/13, 5/14, 5/16 e 5/19. As zonas afectadas por estes cambios son, en liñas xerais, as rúas Lamas de Prado, Ourense, Tui, Barrio de Marcelle, Rosende e Mar Cantábrico, así como as zonas do antigo Hospital Xeral, da fábrica de Abella e do Castiñeiro.

Para informar ós electores e electoras afectados por estes cambios, o Concello enviou preto de 8.000 cartas informativas a outras tantas persoas inscritas no censo electoral nas devanditas zonas.

Noticias relacionadas