O Concello reduciu á metade no último trimestre o período medio de pago aos provedores

A Concelleira de Economía subliña que o Goberno “aínda non pode estar satisfeito, pero este dato demostra que avanzamos na dirección correcta porque gañamos eficacia no circuíto administrativo para o abono de facturas”

Martes, 01 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou este martes de que o Concello conseguiu reducir á metade no último trimestre o período medio mensual de pago aos provedores. “Dende logo, aínda non podemos estar satisfeitos ata que o prazo estea por debaixo dos 30 días, pero este dato demostra que estamos corrixindo o problema, que avanzamos na dirección correcta porque gañamos eficacia no circuíto administrativo para o abono de facturas”, explicou a edil.

Dos 105 días do mes de abril, o Concello pasou a 58 no último mes contabilizado, xuño, o que supón unha reducción do 44%. Este avance é froito “da maior axilidade e eliminación de tempos mortos que conseguimos no circuíto administrativo de facturas grazas a un traballo organizado e planificado de maneira transversal, en todos os departamentos, e tamén aos pasos que estamos dando cara a tramitación telemática integral, algo que estaremos en disposición de facer á volta do verán e que supoñerá un aforro de tempo e de gasto (en papel, tinta, impresoras...), pero tamén nun maior coidado do medio ambiente”, asegurou Ana Prieto. De feito, os traballadores municipais xa recibiron formación para implantar a tramitación electrónica de facturas.

Noticias relacionadas