O Concello publica as listas provisionais da convocatoria de prazas de novo ingresos nas Escolas Infantís Municipais para o 2017/2018

As persoas interesadas poden consultar estas listas ata o 15 de xuño no Taboleiro de Edictos do Concello, na área de Educación situada no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, nas propias escolas infantís e no 010

Venres, 02 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O  Concello de Lugo publicou este venres as listas provisionais de nenos e nenas admitidas no vindeiro curso 2017-2018 para prazas de novo ingreso nas escolas infantís creadas e mantidas polo Concello de Lugo: Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburguer. Todas as persoas interesadas poden consultar estas listas ata o 15 de xuño no Taboleiro de Edictos do Concello, na área de Educación situada no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, nas propias escolas infantís e no Servizo de Atención Cidadá 010.

A partir deste día, 15 de xuño, resolveranse as solicitudes e alegacións presentadas, para, a continuación, publicar as listas definitivas e comezar cos procesos de formalización de matrícula para o vindeiro curso. Ata o 31 de agosto poden presentarse solicitudes de novo ingreso de menores nacidos con posterioridade ao 5 de abril do 2016, data de finalización de presentación de solicitudes dentro da convocatoria.

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, fixo fincapé na gran aceptación das escolas municipais infantís, que ven indicada polo número de solicitudes presentadas, 456 para as 142 prazas de novo ingreso que oferta o Concello. Así mesmo lembrou a sinatura dun convenio de colaboración entre Concello, Fundación Amancio Ortega e Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para construír unha nova escola na zona norte da cidade, nunha rúa de nova apertura paralela á Avenida Paulo Fabio Máximo. Esta nova instalación estará dividida en 6 unidades e contará con 82 prazas.

Noticias relacionadas