O Concello optará a novos fondos europeos para o desenvolvemento da cidade

A Xunta de Goberno aprobou concorrer á convocatoria de axudas das estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI)

Venres, 08 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xunta de Goberno Local

O Concello optará a novos fondos europeos para o desenvolvemento da cidade. Así o anunciou este venres o voceiro municipal, Miguel Fernández, ao rematar a Xunta de Goberno Local na que se aprobou concorrer á convocatoria de axudas das estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI).

“Baixo o nome de Muramiñae, da Muralla ao Miño, e co aval de conseguir certificar ao peche do 2015 a totalidade dos fondos europeos do plan URBAN, aspiramos a esta nova liña de financiamento europeo no eido urbanístico posto que somos conscientes de que os fondos europeos nos permiten realizar investimentos capaces de mellorar a calidade de vida dos lucenses”, asegurou Fernández, quen insistiu en que  “o Concello de Lugo traballou e traballará decididamente para captar novos recursos europeos en todas as convocatorias”.

Neste senso, o voceiro avanzou que dende a entidade local enviáronse cartas a diferentes colectivos e institucións para recabar apoios e ter un maior aval á hora de presentar a candidatura a este programa, ao tempo que anunciou que o vindeiro luns terá lugar unha Xunta de Voceiros para presentarlle este proxecto aos grupos da Corporación Municipal.

Sala de caldeiras do complexo Lug1

Na sesión deste venres, a Xunta de Goberno concedeu a licenza para a renovación de sala de caldeiras para uso de gas natural e instalación de novos equipos de calefacción no complexo Residencial Xuenil Lug1. O orzamento é de 43.558,79 euros e o prazo de execución de 6 meses.

Consello Económico Social

Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno aprobou a composición do Consello Económico e Social(CES), do que forman parte representantes do empresariado, os sindicatos, a Universidade e outras administracións públicas. O devandito Consello estará presidido pola Alcaldesa, Lara Méndez, coa concelleira Ana Prieto como vicepresidenta, e conformada polos concelleiros Ana González, Jaime Castiñeira, Cristina Pérez, Rubén Arroxo, Olga Louzao e Carlos Portomeñe. O Consello Económico e Social Municipal reunirase a vindeira semana nunha sesión na que tamén será presentado o proxecto DUSI.

Prórrogas de contratos

Tamén fora da orde do día, a Xunta de Goberno prorrogou o contrato da prestación de 22 prazas no centro de día Antonio Gandoy para a atención de persoas maiores en réxime de atención diurna ata o 13 de xuño do 2016 por un importe de 68.000 euros, así como prorrogou o prazo dun ano do contrato de contratación dos servizos de coordinación e de desenvolvemento de actividades nos centros municipais da Casa da Xuventude e da Casa da Música ata o 9 de xaneiro de 2017, por un importe de 60.600 euros. 

Audio

Noticias relacionadas