O Concello ofrece unha vintena de actividades de lecer alternativo para a mocidade luguesa no Castiñeiro

As actividades, abertas e gratuítas, terán lugar todos os martes, mércores e xoves, a partir do 13 de abril e ata o 7 de xuño, de 18:00 a 19:30 horas, no Punto de Información Xuvenil 

Luns, 11 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ofrece unha vintena de actividades de lecer alternativo para a mocidade luguesa no Castiñeiro

O Concello de Lugo ofrecerá dende o vindeiro mércores 13 de abril e ata o martes 7 de xuño unha vintena de actividades de lecer alternativo para mozos e mozas de 12 a 16 anos no Castiñeiro. Trátase de actividades abertas e gratuítas organizadas no marco do programa +Xtí de prevención no consumo de drogas, que terán lugar todos os martes, mércores e xoves, de 18:00 a 19:30 horas, no Punto de Información Xuvenil da Praza do Castiñeiro.

No mes de abril, grazas a estas actividades didácticas, os rapaces terán a oportunidade de aprender a clasificar as células segundo a súa tipoloxía e de identificar partes do sistema respiratorio, así como de aprender máis sobre as estrelas, o herbolario, o compás ou o forno solar. Ademais, haberá unha xornada de creatividade, onde aprenderán a decorar o laboratorio.

Maio arrincará cunha actividade sobre a árbore xenealóxica, para que os rapaces organicen a súa historia familiar. Nese mesmo mes tamén realizarán traxes científicos e ilusións ópticas e táctiles. Punto cego, Que hai na tinta?, Tempo de reacción, Flota ou fúndese, Gravidade, Inflar globos sen aire, Pintar con sal, Auga que sobe e baixa e A cor, son outras das actividades que o Concello ten programadas para o mes de maio para que a mocidade adquira nocións científicas dun xeito lúdico e divertido. Para finalizar, en xuño o Castiñeiro gozará cunha divertida carreira de latas.

Coa organización destes talleres, o Concello busca ofrecer unha alternativa distinta aos rapaces para que empreguen o seu tempo de lecer na aprendizaxe de habilidades sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos da cidade.

Estas actividades súmanse a outras que o Concello ten programadas dentro do progama +Xtí, como as actividades físicas como acrosport, hip-hop, breakdance, defensa persoal, ou a arte marcial wushu, zumba, adestramento físico, patinaxe en liña, tiro con arco ou tenis de mesa, así como os obradoiros de educación de rúa ou o de reparación de móbiles e as actividades de motor e seguridade viaria.

Multimedia

  • O Concello ofrece unha vintena de actividades de lecer alternativo para a mocidade luguesa no Castiñeiro

Noticias relacionadas