O Concello ofrece pisos de emerxencia e o albergue municipal para acoller a refuxiados sirios

A Alcaldesa anunciou tamén que a entidade local porá a disposición dos refuxiados toda a rede municipal de prestacións e axudas sociais 

Xoves, 17 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ofrece os pisos de emerxencia dos que dispón e o albergue municipal para acoller refuxiados sirios ante a situación humanitaria de emerxencia xerada pola guerra. Así o avanzou este xoves a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen lle deu traslado á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) “dos recursos que dispón o Concello para ofrecer, dentro das súas posibilidades, unha vivenda digna para os refuxiados”.

A rexedora engadiu que o Concello, ademais dos dous pisos de emerxencia social dos que dispón e o albergue municipal, porá á disposición dos refuxiados toda a rede de prestacións e axudas sociais coas que conta a entidade local. Tamén buscará a coordinación coas organizacións humanitarias da cidade para sumar esforzos.

“Ante este drama humanitario intolerable, O Concello de Lugo está disposto a colaborar e axudar para que todas estas persoas que se ven obrigadas a fuxir do seu país como única saída para escapar de conflictos bélicos e da destrucción, alcancen unha vida máis digna”, destacou Lara Méndez, quen subliñou que Goberno central e Xunta deben coordinar a acollida.

Ante esta “situación dramática, as administracións temos a obriga de atopar solucións urxentes para auxiliar a estas persoas, garantindo sempre e por riba de todo a defensa dos dereitos humanos”, sinalou a rexedora.

Audio

  • Sobre a habilitación de albergues para acoller refuxiados sirios |Descargar mp3

Noticias relacionadas