A Concelleira de Cultura presentou as funcións da 18ª Mostra de Teatro Clásico e de dúas programacións que organiza por vez primeira: Circo e Teatro para Público Familiar e Músicas Mesturadas
La Comedia de las Mentiras, con Pepón Nieto e María Barranco, inauguran o 1 de febreiro a Mostra de Teatro Clásico, que inclúe 6 obras e dous monólogos ata o día 3 de marzo
A Programación de Circo e Teatro para Público Familiar terá lugar os segundos domingos de mes. Haberá funcións de Pistacatro, Elefante Elegante, Cirk About it, Asacocirco e Sarabela Teatro
O ciclo Músicas Mesturadas ofrece concertos no Vello Cárcere do día 13 de xaneiro ao 19 de maio a cargo de Fado Violado, Viviane, Zaruk e Tramontana

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este xoves no Edificio de Novas Tecnoloxías tres novas programacións culturais que ofrecerán entre este mes e o de xuño unha vintena de actuacións de teatro, circo e música no auditorio Gustavo Freire, no centro sociocultural do Vello Cárcere e na Praza Maior.
Trátase da Mostra de Teatro Clásico, que na súa 18ª edición volve a ofrecer un cartel de luxo con seis obras e dous monólogos. Arrancará o 1 de febreiro con La Comedia de las Mentiras, que no seu elenco conta con Pepón Nieto e María Barranco, e continuará ata o 3 de marzo. Todas as obras comezarán ás 20:30 horas. A programación é a seguinte:
- 1 de febreiro, no auditorio Gustavo Freire: La Comedia de las Mentiras, de Pep Antón Gómez e Sergi Pompermayer, a cargo de Mixtolobo e Pentación Espectáculos
- 4 de febreiro, no Gustavo Freire: La Judía de Toledo, de Lope de Vega, coa Compañía Nacional de Teatro Clásico en coprodución con Micomicón Teatro e A Priori Gestión Cultural
- 15 de febreiro, no Gustavo Freire: Helena: Xuízo a unha Lurpia (monólogo), de Miguel del Arco, con Teatro do Atlántico
- 17 de febreiro, no patio do Vello Cárcere: A Noiva de Don Quixote (monólogo), de José Lus Esteban, con Emedous
- 18 de febreiro, no Gustavo Freire: Cervantina, versión e direccións sobre textos de Cervantes, a cargo da Compañía Nacional de Teatro Clásico en coproducción con Ron Lalá
- 24 de febreiro, no Gustavo Freire: El Rufián Dichoso, de Cervantes, con Producciones Teatrales Siglo de Oro, Pentación Espectáculos e Pánico Escénico Producciones
- 2 de marzo, no Gustavo Freire: O Servidor de dous Amos, a partir do texto de Carlo Goldoni, con Talía Teatro
- 3 de marzo, no Gustavo Freire: Eco y Narciso, de Calderón de la Barca, con Miseria y Hambre Producciones
A maiores, terá lugar un encontro con Rodrigo Arribas, director da obra El Rufián Dichoso, o 23 de febreiro no auditorio do Vello Cárcere, e dúas intervencións na rúa, ao fondo da Praza Maior, ás 12:00 horas, a cargo de Espazo Artístico 10 e Os Palimoquiños. Interpretarán Quen ocupa esa cadeira? Atopémonos con Shakespeare.
O prezo das entradas é de 10 euros na zona A e de 8 na zona B, cun desconto do 20% no caso de persoas no paro, menores de 30 anos, pensionistas e integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Para as seis representacións principais ofrécese un bono de 35. En canto aos dous monólogos, terán un prezo único de 5€ e non entran nos bonos.
As entradas poderán adquirirse a través do portal web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo ata tres horas antes do comezo de cada función, e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo. Polo que respecta aos bonos, poden comprarse na Oficina de Turismo ou a través de www.entradaslugo.es ata o 30 de xaneiro.
Circo e teatro en familia
A Concellaría de Cultura organiza por primeira vez a Programación de Circo e Teatro para Público Familiar co fin de crear “un espazo de lecer onde poidan gozar os nenos e nenas cos seus pais e nais”. Haberá cinco actuacións os segundos domingos de cada mes ata xuño, excepto o de febreiro, por coincidir co Entroido:
- Este domingo, 14 de xaneiro: Outono, a cargo de Pistacatro
- 11 de marzo: A Danza da Choiva, por Elefante Elegante
- 8 de abril: El Apartamento, de Cirk about it
- 13 de maio: BBcircus, de Asacocirco
- 10 de xuño: O Secuestro da Bibliotecaria, a cargo de Sarabela Teatro
Todas as funcións terán lugar ás 18:30 horas, no auditorio Gustavo Freire.
O importe das entradas é de 5€ para os adultos e de 2,5€ para os nenos e nenas. Venderanse a través da web entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no auditorio, desde unha hora e media antes das actuacións.
Neste caso, a organización corre a cargo do Concello, en colaboración con Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) e do programa Apego para o fomento da lingua galega entre os pequenos e pequenas.
Músicas Mesturadas
Carmen Basadre tamén deu a coñecer hoxe unha nova iniciativa cultural que terá lugar neste primeiro semestre do ano no patio do Vello Cárcere, Músicas Mesturadas, un ciclo de música de fusión. O programa é o seguinte:
- Este sábado, 13 de xaneiro: Fado violado, unha mestura entre o fado e o flamenco, a cargo de Ana Pinhal e Francisco Almeida
- 10 de marzo: Viviane, unha das voces máis carismáticas e populares da música portuguesa, que mestura fado coa canción francesa
- 7 de abril: Zaruk, un dúo formado pola chelista española Iris Azquinezer e o guitarrista alemán Rainer Seiferth, que entrelazan música clásica, jazz e sons tradicionais
- 19 de maio: Tramontana, un grupo formado por tres mulleres, Mathilde Bernard, á arpa, Alejandra Martín, á viola, e a lucense Aurora Pajón, á frauta
A entrada é de balde ata completar o aforo.
Documentos
- Cartel de música | Descargar pdf
- Cartel de teatro | Descargar img
- Folleto de teatro | Descargar pdf