O Concello oferta dous novos cursos gratuítos relacionados coa tecnoloxía, unha alternativa máis para a mocidade de Lugo

Trátase dos cursos de Reparación de Móbiles e Electrónica Básica e Reparación de Tablets, Notebooks e Avanzado de Móbiles, que terán lugar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra e na Casa da Xuventude entre abril e xullo

Todos os interesados en participar nestas actividades poden inscribirse na Casa da Xuventude

Martes, 15 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello oferta dous novos cursos gratuítos relacionados coa tecnoloxía, unha alternativa máis para a mocidade de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes dous novos cursos gratuítos que organiza o Concello, enmarcados no programa +Xti de prevención no consumo de drogas, dirixido aos mozos e mozas de Lugo. Trátase das actividades de Reparación de Móbiles e Electrónica Básica, que terá lugar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra dende o 1 de abril ao 7 de maio, e a de Reparación de Tablets, Notebooks e Avanzado de Móbiles, do 4 ao 22 de xullo na Casa da Xuventude. Ambos os dous cursos terán lugar en xornada de tarde os venres e en xornada de mañá os sábados.

“Coa organización destes talleres, o Concello busca ofrecer unha alternativa distinta aos rapaces para que empreguen o seu tempo de lecer na aprendizaxe de habilidades sociais, ao tempo que se relacionan con outros mozos da súa idade”, subliñou Basadre.

Grazas a estes talleres, os mozos e mozas poderán adquirir habilidades de reparación que poderán empregar nos seus dispositivos electrónicos como portátiles, tablets ou smartphones.

Todos os interesados en participar nestas actividades, que contan con 15 prazas cada un, poden inscribirse na Casa da Xuventude, ata o día 30 de marzo para a actividade de Reparación de Móbiles e Electrónica Básica, e ata o día 29 de xuño para a de Reparación de Tablets, Notebooks e Avanzado de Móbiles.

Estas dúas novas actividades súmanse a outras que o Concello ten programadas dentro do progama +Xti. Trátase de actividades física como acrosport, hip-hop, breakdance, defensa persoal, ou a arte marcial wushu, zumba, adestramento físico, patinaxe en liña, tiro con arco ou tenis de mesa.

Ampliación de prazo

O Concello ampliou o prazo de inscripción do curso de Eduación de Rúa ata o día 30 de marzo, que será impartido nunha nova data, do 2 de abril ao 7 de maio, os sábados de 10:00 a 14:00h e de 16:30 a 20:30h.

Máis informaicón na web www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010.

Noticias relacionadas