O Concello inviste preto de 90.000€ en melloras en colexios e garderías grazas á aprobación das modificacións de crédito

O Concelleiro de Educación explicou as obras a acometer, entre as que figura a reparación de fachadas, cubertas e calexas, a limpeza e recheo de areeiros, o pintado de dependencias ou a mellora da accesibilidade, entre outras actuacións

A maiores deste investimento, nos 10 primeiros días de setembro realizaranse labores de mantemento en todos os CEIP, que consistirán na substitución e revisión de luminarias, na limpeza xeral de aularios, dos patios e tamén dos sumidoiros; e no adecentamento das zonas verdes

Xoves, 24 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inviste preto de 90.000€ en melloras en colexios e garderías grazas á aprobación das modificacións de crédito

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, anunciou este xoves que, grazas ás modificacións de crédito aprobadas definitivamente no Pleno do pasado venres e publicadas no BOP o luns, o Concello pode investir preto de 90.000 euros en melloras nas instalacións de colexios públicos e escolas infantís.

O edil explicou que este investimento divídese en tres contratos:

- Obras de reparación e mellora na escola infantil municipal Gregorio Sanz por importe de 56.871,82 euros, adxudicadas á empresa Remtes Constructivos. Consistirán na reposición das fachadas, teitos do semi soto, ramplas, pilares e remates de madeira, incluíndo a reposición puntual de táboas e listóns que están retorcidos ou ben podres; e, complementariamente, o tratamento con protector da madeira exterior tipo Lasur, color teka, ademais de diversas obras auxiliares.

- Obras nas escolas infantís municipais e limpeza e recheo de areeiros de todos os colexios públicos, do CEI Fingoi 2 e das catro garderías do Concello por importe de 9.078,63€, adxudicadas a Obras y Servicios Lugo. Inclúe tamén unha serie de actuacións nas garderías, como a colocación de estantes e portas na zona dos cambiadores e xogos da escola infantil Serra de Outes, a reparación da cuberta e a calexa da gardería María Wonneburguer e varios arranxos na de Luis Soto Menor.

- Obras por importe de 21.574,30€, adxudicadas a Obras y Servicios Lugo, en distintos centros, aínda que centradas fundamentalmente en catro deles. No colexio Anexa colocarase un zócalo cerámico en todo o comedor a unha altura de entre un e dous metros, dependendo da parede, para evitar desconchados e filtracións, e o posterior pintado do resto das paredes e teitos, así como actuacións no patio da zona de Infantil próxima ao areeiro, consistentes na reparación de xogos infantís, peches metálicos e do muro de formigón perimetral que presenta deficiencias. No colexio da Ponte, prevese a reparación da cuberta e a substitución da calexa; no de Illa verde, o arranxo da cuberta e a substitución do policarbonato do porche do módulo de Infantil, unha obra demandada polo centro; e no Menéndez Pelayo, a ampliación da rampla de acceso a Infantil e a cuberta da mesma, e a elevación da cancela e da rampla de acceso a esa zona de Infantil.

Continúa o Plan Mellora Lugo

A maiores destas actuacións que se acometerán a través de tres contratos, o Concelleiro de Educación subliñou que continúa o programa Mellora Lugo ata o 31 de decembro. Manuel Núñez indicou que no primeiro semestre do ano se acometeron 204 actuacións de mantemento e mellora dos centros educativos no marco deste plan, “e estimamos que a finais de ano cheguen a 400”.

Mantemento antes do inicio do curso

Así mesmo, nos 10 primeiros días de setembro, xusto antes do inicio do curso escolar, realizaranse labores de mantemento en todos os CEIP, que consistirán na substitución e revisión de luminarias, do que se ocuparán os servizos electromecánicos municipais e os conserxes; así como na limpeza xeral de aularios, dos patios e tamén dos sumidoiros; e no adecentamento das zonas verdes, traballos que levará a cabo Lacera, a empresa adxudicataria do servizo de limpeza interior dos edificios públicos municipais e dos colexios e garderías.

Todas estas actuacións farán posible que “o inicio do curso escolar se realice nas mellores condicións de hixiene e seguridade para os alumnos e alumnas”, subliñou Manuel Núñez.

Audio

  •  Manuel Núñez, sobre ás melloras en colexios e garderías | Descargar mp3

Noticias relacionadas