O Concello inicia o repintado do entorno do HULA, co que se gañarán 150 prazas de aparcadoiro gratuítas

O aparcadoiro pasará a ser diagonal, medida coa que quedarán dous carrís de circulación, en vez de catro, ofrecéndose un total de 500 prazas gratuítas. Ademais mellorarase a pintura da sinalización horizontal

Luns, 02 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inicia o repintado do entorno do HULA, co que se gañarán 150 prazas de aparcadoiro gratuítas

O Concello de Lugo vén de iniciar este luns o repintado das inmediacións do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), que pasa por un lado, por mellorar as marcas viais horizontais do entorno do centro hospitalario, como poden ser os pasos de péons, así como pola modificación das marcas de aparcadoiro, que deixará de ser lineal e pasará a diagonal, medida coa que quedarán dous carrís amplos de circulación, en vez de catro, ofrecéndose un total de 500 prazas gratuítas, gañando desta forma 150 novas prazas.

Nesta medida de reordenacióndo tráfico, que estará rematada ao longo da semana e que axudará á fluidez do tráfico e á súa mobilididade, a entidade local inviste 17.000 euros, co obxectivo de dar resposta a unha vella demanda dos veciños e veciñas, tanto da cidade como da provincia, dado as prazas limitadas e o gran volume de persoas que acuden diariamente ao hospital, ao redor dunhas 4.000 diarias.

Por outra banda, o Concello está a acondicionar a parcela de titularidade municipal, en fronte ao HULA, para crear outras 330 prazas de aparcamento. Dito proxecto acometerase en varias fases. A entidade local xa desbrozou a zona para proceder ao movemento de terras e explanar o terreo. Neste caso tomaranse as medidas necesarias para protexer a mámoa achada na finca segundo as disposicións de Patrimonio. Deste xeito, o Concello ofertará máis de 800 prazas gratuítas.

Noticias relacionadas