O Concello habilita no Parque de Frigsa dúas pistas de petanca atendendo a unha petición veciñal

A Alcaldesa e o Concelleiro de Deportes supervisaron os traballos, desenvolvidos con medios propios da entidade local para dotar á cidade dunha nova alternativa deportiva e de lecer 

Sábado, 17 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello habilita no Parque de Frigsa dúas pistas de petanca atendendo a unha petición veciñal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, supervisaron as actuacións desenvolvidas con medios propios do Concello para habilitar dúas pistas de petanca no Parque de Frigsa, atendendo deste xeito unha petición veciñal. Segundo adiantaron a rexedora e o edil, que estrearon as pistas xunto con varios veciños, esta nova dotación pública “que incrementa a oferta deportiva e de lecer do municipio” estará aberta para toda a cidadanía a partir deste luns, no horario de apertura do propio recinto do parque. O acceso é libre e gratuíto. As persoas interesadas en utilizala, deben pedir os paquetes de bolas metálicas ao vixiante de seguridade de Frigsa, tamén a custe cero.

O Concello complementou os traballos de acondicionamento das pistas de petanca coa colocación dunha marquesiña e un banco para maior comodidade dos usuarios e usuarias.

Ademais de cumprir cunha solicitude dun grupo de veciños e veciñas afeccionados este deporte, o Concello quere fomentar a súa práctica en todo o concello, polo que pretende organizar nas parroquias e na cidade torneos de petanca, un deporte ao que xa xogaban os romanos, aínda que con bolas de madeira e que foi levado á Provenza, no sur de Francia, polos soldados e mariñeiros de Roma.

Noticias relacionadas