O Concello entrega o premio Entre Mulleres en recoñecemento da loita feminista, “o único instrumento real para acadar a igualdade”

As activistas Paula Fraga e Krystal Ramírez e a Comisión de Igualdade da Escola Politécnica Superior de Enxeñería recibiron o galardón nun acto no que Alcaldesa destacou que “o futuro é o feminismo e a igualdade, o resto é pasado e involución”

Venres, 08 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello entrega o premio Entre Mulleres en recoñecemento da loita feminista, “o único instrumento real para acadar a igualdade”

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Igualdade, Ana González Abelleira, presidiu este venres no Salón de Plenos o acto de entrega ás activistas pola igualdade Paula Fraga e Krystal Ramírez e á Comisión de Igualdade da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo do premio Entre Mulleres 2019, en recoñecemento pola súa loita feminista desde distintos eidos. Méndez puxo en valor o feminismo como “o único instrumento real que temos para cambiar a realidade cara unha sociedade xusta, equitativa e igualitaria”, subliñando que “o futuro é o feminismo e a igualdade, o resto é pasado e involución”.

Ao acto de entrega do premio Entre Mulleres acudiron concelleiros do Goberno e do resto da Corporación, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, así como galardoadas en anos anteriores.

 A Alcaldesa declarouse feminista, “tremendamente feminista, feminista convencida”. “Dígoo alto e claro, son feminista, porque, hoxe, 8 de marzo, día no que deberíamos estar falando de adquirir novos dereitos, da brecha salarial, da precarización do emprego feminino, do teito de cristal, desgraciadamente debemos incidir en non perder os dereitos conseguidos, e a fórmula para combatelo é o feminismo”, insistiu.

 O Concello concede dende o 2002, hai 17 anos, o Premio Entre Mulleres a aquelas mulleres, entidades e organizacións que loitan polos dereitos, o empoderamento e a visibilización da muller. Ademais da mención específica de cada edición, tamén serve como recordo dunha das pioneiras galegas da loita das mulleres, María Castaña, xa que o galardón é a súa figura de Sargadelos.

 Nesta ocasión, as premiadas son:

  • Paula Fraga. Licenciada en Dereito Económico pola Universidade de Vigo. Actualmente, atópase preparando o exame de ingreso á Carreira Xudicial. É creadora e autora do blog www.perspectivafeminista.com. Colaborou con diversos medios e é articulista de Tribuna Feminista. Foi voluntaria na Asociación Concepción Arenal, impartindo talleres para mulleres en prisión sobre feminismo e empoderamento persoal e colectivo. Recentemente participou como coautora no libro Debate prostitución:18 voces abolicionistas. Activista feminista que apoia a totalidade das reivindicacións feministas, decidiu centrar o seu esforzo na abolición da prostitución, por entender esta como unha forma de escravitude e de violenica brutal contra as mulleres e nenas,, tal e como defendeu de maneira contundente na súa intervención posterior á recepción do premio.
  • Krystal Ramírez. Activista LGTBI desde a súa Colombia natal nunha  época moi difícil para esta loita, donde participó en concentracións e marchas reivindicativas, sufrindo por elo a represión e incluso a violencia policial. Xa en España, residindo en Lugo, tomou contacto col colectivo ALAS, co que abanderou a loita polos dereitos das persoas transexuais. Organizou e participou en numerosas actividades para a visibilización do colectivo LGTBI e colaborou con outros colectivos sociais e institucións da cidade, como Aliad, o centro Quérote, a Concellería de Xuventude, e de toda Galicia, como Aturuxo, 7 Cortes e Alas Coruña. Sigue activa na reivindicación dos dereitos sociais e tamén dos animais.
  • A Comisión de Igualdade da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, representada no acto por Rosa Romero. Creada no ano 2017, ten como funcións concienciar e sensibilizar á comunidade da Escola en materia de igualdade, xénero, diversidade afectivo-sexual e non-discriminación; promover e apoiar iniciativas e actividades para promover a igualdade no centro e no entorno de actuacións; apoiar á comunidade universitaria na actuación ante situacións de acoso por razón de sexo, de orientación sexual e de identidade de xénero trasladando ás autoridades competentes dentro da Universidade os casos que cheguen ao seu coñecemento;  apoiar á comunidade universitaria na función de velar pola aplicación das actuacións derivadas dos plans estratéxicos de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC, e calquera outra normativa neste eido; e realizar calquera outra labor encomendada pola Xunta de Escola en relación á mellora de oportunidades entre mulleres e homes.

Noticias relacionadas