O Concello elabora unha guía de actuación para axilizar a xestión das encomendas realizadas a Evislusa

A estandarización de criterios favorecerá non só á tramitación dos encargos senón tamén á súa materialización e control por parte da administración.

O executivo local aprobaba, esta mañá, en Xunta de Goberno a circular e os formularios nos que se recollen estas instrucións e concedía, ademais, 4 licenzas, entre elas as que posibilitarán a ampliación do CIFP Politécnico e a limpeza da Muralla.

Mércores, 23 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O obxectivo: axilizar a xestión das encomendas á Empresa Municipal de Vivenda e Solo, como medio propio da administración local.

Baixo esta premisa, o Concello vén de elaborar unha guía de actuación coa que se ordenará a tramitación que, a partir de agora, seguirán os encargos que asume Evislusa.

Trátase dunha ferramenta interna de gran utilidade que propiciará a estandarización de pautas para que, por unha banda, o órgano xestor teña claro cal é o procedemento que debe seguir en cada intervención, de acordo aos criterios do centro directivo e, por outra, para acadar unha resposta dilixente das dúas partes intervintes.

Na circular, aprobada hoxe en Xunta de Goberno, se recollen todos aqueles aspectos que gardan relación coa regulación xurídica e o réxime de fiscalización das accións programadas, pero tamén teñen cabida neste documento, outras indicacións como o obxecto do encargo, as condicións nas que debe executarse e o proxecto ou orzamento do mesmo acompañado das prescricións técnicas detalladas e valoradas, de maneira que quede expresada claramente e identificada con facilidade a prestación a efectuar.

Asemade, o texto recollerá instrucións como o prazo de realización, a posibilidade de prórroga e/ou modificación, o réxime de pagos e anticipos e mesmo as comprobacións materiais do investimento que supón así como a designación do director da encomenda, responsable de supervisar e certificar que a execución do traballo se desenvolve segundo o previsto e de acordo ao interese da institución.

Deberá incluír alén unha memoria técnica e unha valoración económica na que se cuantifique cada un dos recursos materiais e humanos que se destinarán á actuación, así como as argumentacións sobre a necesidade de levala a cabo, que deberá ir asinada polo xefe/a de servizo correspondente,  a xustificación da mesma ante a falta de medios materiais ou persoais para asumila con recursos propios ou a súa urxencia.

Igualmente, na sesión desta mañá tamén se validaron os formularios tipo que darán amparo tanto á petición do encargo, como á contestación de Evislusa e á adopción do acordo, de xeito que toda a operativa quedará plasmada nun único documento de traballo.

Xa noutro orden de asuntos o equipo de goberno outorgaba esta semana catro licenzas urbanísticas, entre elas unha para construír un edificio na rúa Vázquez Queipo, orzamentado en 639.791 €, outra para realizar modificacións, por valor de 236.696 €,  nunha estación de servizo que se está executando en Soñar e as outras dúas, concedidas á Xunta de Galicia, para, por un lado, iniciar a ampliación do CIFP Politécnico no que, cun custo de 936.901 €, se construirá un pavillón dedicado á carpintería de madeira e, polo outro, para proceder á intervención de conservación preventiva e corta de flora na Muralla, tarefas ás que se destinarán 67.214 €.

Noticias relacionadas