O Concello dota de alumeado público ao vial que une Marqués de Ombreiro coa Ronda do Carme en cumprimento dun acordo coa veciñanza

Lara Méndez, Miguel Fernández e Manuel Núñez supervisaron as tarefas, coas que se aproveitará para pavimentar dita vía, que será moito máis segura tanto para os peóns como para os condutores

Así mesmo, instalaranse dous novos puntos de luz no canil de Acea de Olga, en resposta das demandas dos veciños e veciñas

Martes, 07 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello dota de alumeado público ao vial que une Marqués de Ombreiro coa Ronda do Carme en cumprimento dun acordo coa veciñanza

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisaron este martes, acompañados de veciños e veciñas, as tarefas coas que o Concello vai dotar de alumeado público ao vial que une Marqués de Ombreiro coa Ronda do Carme. Trátase dunhas obras que pasan pola instalación do alumeado público municipal, conectado aos cadros existentes, para que poida ser xestionado polo Concello, dado que ata o de agora o alumeado que funcionaba estaba conectado a unha instalación privada, dependendo o encendido e apagado do mesmo de dita instalación. Para elo, procederase á canalización, tendido de liñas subterráneas e instalación de 4 puntos de luz en fachada. Así mesmo, proxéctase a demolición do pavimento para proceder á súa posterior pavimentación, que previsiblemente, se empezará a realizar no día de mañá.

Esta actuación que acomete o Goberno, e que se suma a outras outras de mellora e ampliación do alumeado público na cidade, como en Recatelo, no entorno do Anxo Carro ou na Louzaneta, responde a peticións e necesidades da veciñanza, para unha vía de conexión que serve ademais de saída dun aparcadoiro dun supermercado, e que a partir de agora será moito máis segura tanto como para os peóns como para os condutores.

Canil Acea de Olga
Así mesmo, o Concello proxecta a instalación de dous novos puntos de luz sobre columna de 4 metros de altura no canil de Acea de Olga, situado no entorno da rúa Agro da Torna, así como a reposición de pavimento. Esta é tamén unha actuación en resposta das demandas dos veciños e veciñas, pois non existía alumeado. O orzamento de ambas as dúas actuacións é duns 33.000 euros.

Noticias relacionadas