O Concello devolve 400.000 euros aos lucenses no recibo do lixo polo servizo non prestado na folga

52.580 abonados percibirán o desconto do 23% na factura trimestral, a parte proporcional correspondente ao servizo que non se efectuou durante o paro

Martes, 20 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O importe total que o Concello devolverá aos lucenses no recibo do lixo polo servizo non prestado durante a folga ascende a preto de 400.000 euros, segundo explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, que ofreceu este dato unha vez estimadas as variacións producidas no padrón, o que tamén lle permite concretar que serán 52.580 abonados os que percibirán o desconto, cifrado no 23% en cada un dos recibos, a parte proporcional correspondente ao servizo que non se efectuou durante o paro.

Ana Prieto, que incidiu en que con esta medida “cumprimos un compromiso cos lucenses”, lembrou que a cantidade a descontar en cada recibo variará en función das diferentes tarifas, segundo sexa recibo domiciliario ou por actividade comercial, hostaleira, industrial... No caso do recibo dun domicilio, que é fixo para todas as vivendas -21,63 euros trimestre-, o 23% establecido para o cálculo de devolución dá unha bonificación de 4,9 euros para un abonado ordinario (unha unidade familiar), que, sumado o IVE, ascende a 5,48 euros. Por exemplo, no caso dos hostaleiros, un establecemento cunha superficie de entre 400 e 1.000 metros cadrados, que paga 400 euros ao trimestre, percibirá un desconto de 93 euros.

O período voluntario de pago do recibo do lixo arranca hoxe e prolongarase ata o 22 de decembro. Os domiciliados pásanse ao cobro o 5 de novembro.

Criterios técnicos para calcular o desconto

Para o cálculo do desconto tivéronse en conta dous parámetros:

A parte deducible do recibo

A factura do servizo de lixo inclúe dous conceptos separados:

  • O tratamento dos residuos que se envían a SOGAMA, o que supón un 44,27% do total do recibo e que se realizou correctamente durante a folga, polo que se considera xuridicamente non deducible
  • A recollida, que supón o 55,73% do recibo, e que foi a que sufriu os efectos da folga, polo que é deducible

Os días nos que houbo déficit na recollida

Para determinar cal foi o déficit de recollida que se produciu, seguiuse o criterio técnico de comparar as toneladas de lixo recollidas en cada un dos días da folga, coas dos mesmos días do ano anterior (o 2013). O resultado é que houbo un déficit de recollida en 38 dos 59 días que durou a folga. Seguindo este criterio, dos 92 días que contempla un recibo trimestral, non se prestou o servizo de recollida en 38 días, o que supón o 41,30% do trimestre.

Deste xeito, o coeficiente de desconto do 23,02% que se aplicará no recibo sae de multiplicar a porcentaxe do custe da recollida do lixo pola porcentaxe de días do trimestre nos que houbo unha recollida deficiente (55,73 x 41,30 / 100 = 23,02%).

Audio 

  • Ana Prieto, sobre as devolucións nos recibos do lixo|Descargar mp3

Máis info

  • Información sobre o desconto no recibo do lixo|Descargar

Noticias relacionadas