O Concello de Lugo recibe ao Eixo Atlántico para avanzar na construción do Mapa de Cohesión Social da Eurorrexión

A ferramenta, pioneira no seu ámbito, pretende ser unha radiografía da situación real dos municipios que permitirá ás administracións locais e provinciais deseñar políticas de actuación coas que atallar a vulnerabilidade.

A xuntanza, celebrada na Casa Consistorial, contou coa presenza da alcaldesa, Lara Méndez, como presidenta do ente e mandataria municipal.

Xoves, 05 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recibe ao Eixo Atlántico para avanzar na construción do Mapa de Cohesión Social da Eurorrexión

O Concello de Lugo acolleu hoxe unha xuntanza do Eixo Atlántico para seguir avanzando na construción do Mapa de Cohesión Social da Eurorrexión. Un documento innovador cuxa elaboración se impulsa dende o organismo transfronteirizo e que desenvolve un papel crucial xa non só como aglutinador da información sobre os hábitos e a calidade de vida da cidadanía, senón tamén porque permitirá afondar nas causas que orixinan a vulnerabilidade económica e social da poboación relacionada con factores como a seguridade, a educación, a saúde e mesmo a participación no ámbito político.

A reunión, que se celebrou na Casa Consistorial, contou coa presenza da alcaldesa, Lara Méndez, como presidenta do ente e mandataria municipal e da concelleira de Benestar, Olga López Racamonde. O encontro serviu para presentar e debullar pormenorizadamente o resumo dos datos obtidos durante o traballo de campo realizado ata a data e progresar, así, na elaboración definitiva do documento, cuxa creación foi adxudicada, en concurso público, á Universidade de Deusto.

“Trátase dunha ferramenta pioneira que terá unha gran transcendencia en tanto nos permitirá aos municipios relacionar todas estas cuestións coas brechas, transversais, de xénero, xeracional e mesmo dixital, xa que a análise que se faga será como unha foto fixa dos municipios que nos permitirá deseñar e desenvolver políticas de ámbito local acordes a esa realidade”, sinalou a rexedora ao tempo que destacou a importancia deste mapa social en tanto contribuirá a que as cidades melloren en termos de inclusión, resiliencia e sostibilidade.

Pola súa banda, a edil de Benestar, Olga López Racamonde referiu algunhas das conclusións que se expuxeron na sesión cocreativa celebrada esta xornada e nas que se pon de manifesto que os núcleos urbanos que pertencen ao Eixo comparten unha cobertura sanitaria e educativa universal.

“A percepción de seguridade está estendida, a dixitalización e as transformacións socioeconómicas alcanzaron xa todos os espazos físicos e a maioría dos e das habitantes, independentemente de onde residan, gozan dunha elevada esperanza de vida, teñen acceso a unha alimentación de calidade, se aloxan en barrios e casas dignas e teñen acceso a espazos verdes e transporte público axeitados”, explicou a concelleira.

López Racamonde indicou alén que, pola contra, existe un 25% de persoas que se atopan en risco de pobreza e exclusión, en maior ou menor grao, e que se concentran en similares porcentaxes en todas as cidades que compoñen a eurorrexión atlántica.

“A pandemia acentuou a situación de fraxilidade das persoas que teñen peores condicións de vivenda, que necesitan máis a presencialidade da educación para os seus fillos e que padeceron en maior medida os problemas xerados pola falta de recursos para acceder dixitalmente a servizos e políticas públicas esenciais”, abondou.

A responsable de Benestar destacou, igualmente, que o nivel de ingresos ou riqueza do fogar non está a ser o único factor que xera a brecha de vulnerabilidade, xa que o capital económico e sociocultural tamén importan. “O nivel educativo dos pais, as condicións laborais ou a calidade da súa rede de influencia social son tan relevantes como os ingresos e se trata, ademais, de factores que inflúen en cuestións clave como os hábitos de saúde ou a inclinación á participación política”, afirmou.

López Racamonde sinalou que, ante os datos xa referidos, se acadou consenso sobre a necesidade de reducir as desigualdades de forma efectiva e sostible “para o que resulta preciso incidir de forma coherente e simultánea nos diferentes factores críticos identificados. É dicir, compre traballar para ofrecer unha resposta integral ben articulada e multisectorial o que esixe de medidas a curto, medio e longo prazo, máis aló dos tempos que determinan os mandatos políticos”, concluíu a concelleira.

Multimedia

  • O Concello de Lugo recibe ao Eixo Atlántico para avanzar na construción do Mapa de Cohesión Social da Eurorrexión

Noticias relacionadas