O Concello de Lugo porá en valor os únicos restos visibles da basílica de época romana da cidade

Luns, 05 de maio de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo porá en valor os restos arqueolóxicos atopados durante a demolición do edificio no que se construirá o edificio de Novas Tecnoloxías anexo á Casa Consistorial segundo confirmou a Xefa Municipal de Arqueoloxía, Covadonga Carreño, que estivo acompañada polo arqueólogo da obra, Xavier Chao.

Na cata arqueolóxica realizada antes da construción do novo edificio atopáronse dous muros, un deles corresponde co muro perimetral da nave central da basílica, e outro que é paralelo a este e que se usou como base para algunha estrutura non identificada.
Segundo explicou a Xefa Municipal de Arqueoloxía, Covadonga Carreño, atopouse “como se agardaba” un muro de peche da nave central que ten un grosor de 1,30 metros e está composto por opus caementicium, un tipo de formigón romano composto de cantos de rio e típico na zona norte, na base e por laxes de lousa na parte superior. O outro muro, máis pequeno, dun metro de anchura serviría como base para poñer un acceso ou para a instalación de estatuas. Esta basílica corresponde cun dos varios edificios que albergaba o Foro Romano de Lugo e que era o centro de negocios ou mercado de época romana, que se sabe que tiña un ancho de 20 metros aproximadamente.
O solo da basilica está totalmente arrasado e non se atopou ningún tipo de estrato romano xa que inicialmente estaba máis alto do que está na actualidade o que conleva que non se poda datar de maneira tan precisa pero si que se sabe que debeu ser a partir da primeira metade do século I d. C, como indicou Xavier Chao.
Esta descubrimento incorporarase ao proxecto do novo edificio de Novas Tecnoloxías e poderase visitar en situ ao ser a única mostra visible do Foro Romano da cidade, unha vez que finalicen os traballos de construcción do mesmo. Este novo centro, que estará comunicado co actual edificio da Casa Consistorial, contará con dúas plantas. Na planta baixa estará un espazo de atención ao público e haberá equipos informáticos inalámbricos a disposición dos usuarios ademais dos restos arqueolóxicos. Na primeira planta estarán as aulas de reunións que se poderán prestar para xuntanzas de emprendedores e empresarios que carezan dun espazo físico para levalas a cabo. O proxecto é unha nova intervención que leva a cabo en Lugo o Plan Urban, que ten un 80% de cofinanciación do FEDER da Unión Europea e o que tamén realizan achegas económicas o Concello e a Deputación provincial.

Multimedia

Noticias relacionadas