O Concello de Lugo pon en marcha un dispositivo especial por mor do temporal sufrido esta madrugada na cidade

Xoves, 14 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, informou hoxe que a pasada madrugada o Concello de Lugo puxo en marcha un dispositivo especial por mor do temporal de vento e choiva iniciado arredor das 3,45 da mañá.

O episodio non fora comunicado, polo que o Concello de Lugo actuou con rapidez para tratar de solventar os problemas derivados do vento e a choiva que provocaron numerosos incidentes na cidade.

Así, José Rábade, referiuse á caída de árbores en puntos como Bosende, as Gándaras, Camoira, Avenida dos Deportes, Calde, Ceao (sen afectar aos viais) e Avenida das Américas, entre outros.

Na zona do Rato levouse a cabo un operativo especial por mor do desbordamento do seu caudal que ao final non chegou a producirse. Non así na Ponte do Río Mera onde a auga sobrepasou a estrutura.

Ademais, os bombeiros levaron a cabo o achique de auga nunha vivenda en Ombreiro, Protección Civil supervisa e controla o desprendemento de tela asfáltica na Ronda do Carme e atendéronse outras incidencias en Camiño Real e Rúa Nova.

Con todo, José Rábade explicou que se están a atender todas as incidencias cos medios cos que se conta conseguindo manter a normalidade da cidade.

Multimedia

Noticias relacionadas