O Concello de Lugo participa nun proxecto europeo para impulsar os desprazamentos a pé e en bicicleta

Xoves, 21 de xaneiro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo participa no proxecto URBACT Active Travel Network, que pretende traballar activamente no impulso dos desprazamentos a pé e en bicicleta como medio de transporte, e que foi presentado hoxe polo Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rabade, e o director do Plan de Mobilidade, Miguel Ángel Negral.

O obxectivo da iniciativa é cambiar os desprazamentos de curta distancia en coche por desprazamentos a pé ou en bicicleta. Segundo explicou o Concelleiro, “a participación de Lugo neste proxecto ven a reafirmar a política do Goberno Local para potenciar o uso da bicicleta como transporte alternativo, máis respectuoso co medio ambiente e máis saudable, que se concreta no Servizo Municipal de Préstamo de Bicicletas Rebicíclate e que se verá potenciado coa posta en marcha do Plan de Mobilidade”. Rábade explicou que “o feito de que Lugo fose seleccionada para participar afonda na filosofía de cambiar o plan de mobilidade nesta cidade”.

O importe total do proxecto oscilará entre os 300.000 e os 710.000 euros que se concretará, do mesmo xeito que o alcance definitivo do proxecto, durante os traballos preparatorios do mesmo, que terán lugar entre xaneiro e abril do ano 2010.

Actualmente o consorcio do proxecto, que terá unha duración de 36 meses, está formado por 5 cidades, ademais de Lugo: Weiz (Austria), Novara (Italia), Sebes (Rumania), Dundee (Reino Unido) e Radzionkow (Polonia).

Pero este consorcio poderase completar ata os 10-11 socios, sendo o orzamento para cada socio dunha media de 40.000-50.000, en función das accións que cada cidade queira desenvolver. Deste orzamento, Lugo recibiría o 80% de cofinanciación FEDER, polo que a cofinanciación propia do Concello sería de 8.000-10.000 nos 3 anos.

A reunión inicial de lanzamento de proxecto ou "Kick-off meeting" será en Weiz, Austria, os días 26 e 27 de xaneiro, e a segunda probablemente o Radzionkow, Polonia a principios de abril para finalizar os traballos de definición de proxecto. Nestas xuntanzas participará o director do Plan de Mobilidade de Lugo, Miguel Ángel Negral, que no marco desta xornada de arranque do proxecto pronunciará a conferencia “A new sustainable mobility model for Lugo: Give the City Back to People” (O novo modelo de mobilidade sostible para Lugo: devolver a cidade á xente).

Robert Pressl, o líder do proxecto representante da cidade de Weiz, visitará Lugo para coñecer a cidade, as súas autoridades, técnicos de proxecto e recoller a información necesaria. Esta visita realizarase despois da xuntanza inicial, no mes de Marzo.

QUE É URBACT?
O Programa URBACT II é unha convocatoria de financiamento FEDER que ten como obxectivo lograr as estratexias e obxectivos de Lisboa e Gothenburg, en termos de crecemento, emprego e o medio ambiente sustentable. O programa URBACT II promove esta actuación para reunir a actores no nivel local e rexional para cambiar e aprender sobre unha ampla gama de temas de política urbana.

O URBACT II está estruturado sobre dúas temáticas prioritarias:
- prioridade 1 - Cidades, Motores de Crecemento e Empregos
- prioridade 2 - Cidades Atractivas e Cohesivas

Os beneficiarios do Programa URBACT II son:

- Cidades (municipios, corpos infra-municipais e áreas organizadas) dos Estados membro ou socios;

- Universidades e os centros de Investigación dos Estados membro e socios, nos termos urbanos que sexan afectados. Os beneficiarios deben ser autoridades públicas ou corpos públicos equivalentes para as accións Prioritarias 1 e 2.

Multimedia

Noticias relacionadas